Cultura

Manuel Baltar: “Afonso X elevou a lingua galega á maior categoría”

O presidente da Deputación de Ourense inaugurou esta tarde en Santiago, xunto a Alberto Núñez Feijoo e á presidenta do Consello da Cultura Galega, a exposición que conmemora o 800º aniversario do nacemento dunha das figuras máis relevantes da cultura europea

Óscar Gómez

Ourense | 13.01.2021 08:58

Manuel Baltar: “Afonso X elevou a lingua galega á maior categoría” | onda cero

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou na inauguración da exposición “Afonso X e Galicia”, un proxecto expositivo do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta coa colaboración da Deputación de Ourense e da Xunta de Galicia, e que conmemora o 800º aniversario do nacemento de Afonso X, unha das figuras máis relevantes da cultura europea. A mostra, que abre hoxe as súas portas na Igrexa da Universidade en Santiago, convida a coñecer a enorme influencia da figura de Afonso X cunha peregrinaxe a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.

No acto inaugural, Baltar salientou que Afonso X e os seus colaboradores “elevaron a lingua galega, na lírica profana e relixiosa da Idade Media, á maior categoría. Por iso foi polo que, en 1980, lle correspondeu ser homenaxeado co Día das Letras Galegas”, e destacou: “A miña beizón para todas as persoas que traballaron para facer realidade esta mostra, e o meu desexo de que sirva para descubrir, 800 anos despois do nacemento dun rei sabio que non puido chegar a ser emperador, as súas pegadas ourensás”.

Baltar afirmou que Afonso X “foi un monarca cun proxecto cultural que transcendeu os límites dos seus reinos e contemplou o plurilingüismo como elemento esencial de cultura”, e destacou a Ourense como “un territorio cultural e historicamente ben definido, estreitamente vencellado á figura de Afonso X O Sabio”, enumerando a importante nómina de persoeiros que investigaron sobre a súa figura como: o Padre Sarmiento, Milá e Fontanols, o marqués de Mondéjar, Antonio Ballesteros, Marcelo Macías, Otero Pedrayo, Filgueira Valverde, Cid Rumbao e Rivas Quintas”.

Xunto a Manuel Baltar participaron no acto de inauguración a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; e o reitor da USC, Antonio López. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta mostra que estará aberta ata o 24 de abril, e que posteriormente será exhibida no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense.

Rosario Álvarez destacou que mostra “ofrece un itinerario polo universo afonsino en Galicia e reivindica a vixencia do seu legado. Rende homenaxe á contribución do Rei Sabio, responsable dese monumento da cultura universal que son as Cantigas de Santa María e autor destacado no cancioneiro profano. Ademais, esta exposición pon de relevo o brillo que Galicia e a cultura galega acadaron durante a Idade Media, cando a catedral de Santiago e o seu camiño de peregrinación constituíron un vizoso e próspero fenómeno cultural de transcendencia europea”.

Alberto Núñez Feijoo puxo o acento na conexión do monarca con Galicia, “que se manifesta no literario coas Cantigas de Santa María, que situaron o galego como lingua de prestixio cultural e protagonista dun dos fenómenos artísticos máis valiosos e representativos da cultura medieval, que logrou inspirar aos nosos creadores do século XIX e XX” lembrou.

Pola súa parte, o reitor Antonio López mostrouse satisfeito de poder sumar a implicación da USC a un proxecto singular pola propia personalidade poliédrica do personaxe. “Afonso X garda unha estreita relación coa idiosincrasia universitaria en canto foi unha figura máis preocupada polos límites do saber que polos lindeiros do territorio nun contexto histórico no que resultaba unha actitude adiantada ao seu tempo” engadiu.

A proposta expositiva

O relato expositivo non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recreará o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos. Desde aí accédese ao espazo central onde as Cantigas de Santa María relacionadas con Galicia se presentarán simultaneamente en seis pantallas aéreas, a modo de constelacións, facendo ese aceno ao mundo da astroloxía e astronomía tan importante para o monarca. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa María.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Afonso X: un proxecto político e cultural

A mostra presenta o Rei Sabio como unmonarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade,que ensalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

Un dos obxectivos da exposición está intrinsecamente vencellado ao labor fundacional do Consello da Cultura Galega de dar a coñecer o noso patrimonio. Por iso, ao remate da mostra promóvese a visita a outros lugares da xeografía galega que gardan legado medieval relacionado con Afonso X e as súa época en forma de edificacións, documentos, códices, pezas, esculturas, moedas, xoias ou calquera outro formato. Cada visitante recibirá na exposición un mapa que convida a realizar o roteiro xeográfico, artístico, patrimonial e cultural polo legado afonsino.