Éxito total da segunda edición da Feira da Educación de Ourense que conseguiu superar as expectativas dos 55 expositores participantes polo alto número e interese mostrado polas máis de 5.000 visitas (entre escolares, profesionais e familias) que se rexistraron nas dúas xornadas que durou o evento. O crecemento na superficie expositiva e no número de visitas leva xa aos organizadores (Xunta de Galicia, Deputación Provincial de Ourense e Expourense) a pensar na terceira edición. Conclúe así unha feira que se converteu en necesaria e ineludible para toda a comunidade educativa ourensá.
Nesta segunda xornada volveu contar coa visita de alumnado de Bacharelato e Formación Profesional de distintos centros educativos da provincia que puideron coñecer os centos de opcións dispoñibles para continuar a súa formación académica con ofertas para todos intereses e petos. Esta feira serviu para destacar a excelencia da oferta educativa pública de Galicia, pero tamén ofreceu a opción de promocionarse a outras universidades e centros educativos públicos e privados do resto de España. Compre lembrar que Galicia é das poucas comunidades nas que o seu modelo educativo facilita a gratuidade da formación dende a gardería ata a Universidade.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, visitou esta mañá a Feira da Educación acompañado polo deputado provincial de Ourense, Rosendo Fernández. Visitaron aos expositores do salón con parada na área de Formación Profesional de Galicia que foi, sen dúbida, o stand máis visitado do salón xa que a nosa comunidade é a segunda de España con máis alumnado matriculado na FP (en relación ao total dea poboación escolar) e o 85% deles estuda en centros públicos. Na actualidade, dous de cada cinco alumnos que finalizan a E.S.O. elixen a FP e o 26,6% dos galegos ten un título de FP.