Máis de 200 cicloturistas daranse cita na segunda edición da “Ribeira Sacra Cycling Road”
Esta marcha cicloturista ofrece aos participantes dous posibles percorridos co obxectivo de adaptarse a todos os públicos: un gran fondo de 115 km e un mini fondo de 80 km, cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con tramos cun 24% de desnivel.
Máis de 200 cicloturistas daranse cita na segunda edición da “Ribeira Sacra Cycling Road” organizada polo Inorde co apoio de Turismo de Galicia, que levará aos deportistas a percorrer o vindeiro 24 de setembro, unha das paraxes naturais máis espectaculares da provincia ourensá.
A presentación da proba tivo lugar no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo, acto no que participou o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, o xefe da área provincial da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices; a xerente do Inorde, Emma González; o director técnico da proba, Serafín Martínez; o alcalde do propio municipio, Carlos Gómez; e alcaldes e concelleiros dos municipios polos que transcorre a proba (Nogueira de Ramuín, O Pereiro de Aguiar, Esgos, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira).
O presidente do Inorde destacou a importancia da cooperación pública e privada para “desenvolver eventos desta magnitude que nos permiten dinamizar social e economicamente o noso territorio, así como reivindicar o posicionamento de Ourense como destino de turismo deportivo” e agradeceu o apoio de Turismo de Galicia que cada ano “nos apoia na posta en valor dos nosos recursos turísticos a través deste tipo de eventos”.
“Tralo éxito logrado o ano pasado ao participar na mesma unha alta porcentaxe de persoas de fóra de Galicia, volvemos con esta segunda edición para continuar a dinamizar a economía local dos municipios que atravesa esta proba cicloturista, e a amosar a riqueza dos recursos que engloba a marca turística “Ourense xenuína”, engadiu Rosendo Fernández.
Pola súa parte, o director técnico da proba lembrou que se trata dunha "proba de gran esixencia física" e que ao igual co ano pasado "a metade dos inscritos que temos ata o momento proceden de fóra de Galicia, o que evidencia a capacidade do turismo deportivo como gran escaparate para dar a coñecer os destinos".
“Ribeira Sacra Cycling Road”
Esta marcha cicloturista ofrece aos participantes dous posibles percorridos co obxectivo de adaptarse a todos os públicos: un gran fondo de 115 km cun desnivel positivo de 2.600 metros, e un mini fondo de 80 km cun desnivel positivo de 1.800 metros. Ademais, haberá un tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, con tramos cun 24% de desnivel. Recibirán un premio especial os tres primeiros e primeiras de dito tramo.
A saída da proba, de carácter non competitivo, terá lugar o 24 de setembro, ás 9.30 horas na localidade de Luíntra, no municipio de Nogueira de Ramuín. O padriño oficial desta segunda edición da proba será o exciclista profesional que conseguiu subir 3 veces ao podio do Tour de Francia, Joseba Beloki, unha oportunidade única para rodar con el polas paraxes da Ribeira Sacra.
Os interesados en participar na proba poden inscribirse ata o 21 de setembro a través do seguinte enlace: [[LINK:EXTERNO||||||www.aribeirasacra.com.]]