O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, presentou a programación das Festas de Ourense 2022 que serán entre os días 22 e 26 de xuño. Regresan unha festas por todo o alto e, aínda que “as festas maiores da cidade son o Entroido, e xuño é un mes con moitas actividades”, este ano o Concello apostou por “concentrar unha oferta potente en cinco días”.
A partir do mércores 22, a cidade acollerá “máis de 200 eventos distintos o que representan un dos festexos con maior número de actividades da historia”. Como citas destacadas, están os concertos de Morad – o 22 de xuño ás 21:00 horas -, o concerto de Taburete – o 24 de xuño ás 23:00 horas -, e o concerto de Loquillo – ás 23:00 horas, o 25 de xuño -. Estas actuacións serán na Avenida de Pardo de Cela, que é a zona urbana con maior superficie da cidade, para así acoller a máis xente. Ademais, a rúa do Progreso, á altura de Bispo Cesáreo acollerá as actuacións das orquestras. Agrupacións “top”, coma o Combo Dominicano, Capitol, Olympus ou Fórmula pasarán eses días pola cidade. Todas as actividades serán de balde agás o concerto do grupo Taburete terá unha zona de pago - “zona fan” de 3.000 entradas, que serán a 5€ a través de ataquilla.com -, e o resto serán gratuítas – con espazo para uns 6.000 asistentes -.
Outra das actividades importantes destas festas, é a Feira Medieval, que se recupera nas prazas da zona histórica da cidade, e que inclúe moitas actividades paralelas, e unha sardiñada o día de San Xoán. A zona infantil será no Parque Barbaña e, entre outras, haberá actividades de maxia. E o Auditorio Municipal acollerá unha actividade gaming o sábado 25 e domingo 26. Como broche á estas festas, tamén regresa este ano a tirada de fogos artificiais. Será o domingo desde as beiras do río Miño a cargo da pirotécnica ourensá Josman.
Tal e como dixo o alcalde, o mes de xuño xa suma moitas actividades e eventos deportivos. Esta fin de semana celebrouse a 53º edición do tradicional descenso do Miño. Ademais, o vindeiro venres, no marco do Rallye de Ourense, teremos a oportunidade por primeira vez na historia de gozar dun espectacular tramo urbano.