Gadis achega a alimentación saudable, sostible e responsable a máis de 1.500 estudantes de Ourense durante este curso escolar. Este proxecto educativo, que se desenvolve desde hai máis de 25 anos, empeza nas aulas, onde se abordan diferentes aspectos relacionados entre si, como a nutrición, o consumo consciente para evitar o desperdicio de alimentos, o coidado do planeta e o valor do desenvolvemento sostible da comunidade a través da produción local. Todo o material está desenvolto por profesionais e adaptado á 2ª etapa de Educación Infantil e ao currículo oficial educativo de Primaria.
Despois da primeira parte con aprendizaxe virtual, lévanse a cabo as visitas aos supermercados co obxectivo de poñer en práctica todo o aprendido no colexio. Así o destaca un dos 1.145 docentes que este curso involucráronse no proxecto: “O que máis nos gusta é que o alumnado pode aprender sobre alimentación saudable nunha situación real, participando activamente e facendo eleccións conscientes dos alimentos. Resulta moi motivador ver como relacionaban o aprendido na aula co supermercado”.
Monitores formados en nutrición e educación ambiental acompañan aos estudantes no seu percorrido polas distintas seccións dos supermercados, con maior atención ás de produto fresco: peixaría, carnizaría, froitas e verduras, lácteos etc. Aquí aprenden a identificar os alimentos máis saudables e sostibles; cales son produtos locais, de tempada e de orixe local.