Luis Seara, "a día de hoxe non teño constancia de que haxa ningunha denuncia contra min"
Luis Seara "Cómo é posíbel que Jácome teña acceso a esa suposta denuncia antes ca min e a exhiba públicamente". "Dixo que onte me tomou declaración a Policía, algo que é rotundamente falso"
No pleno do Concello de Ourense, o actual rexedor sobrepasou todos os límites chegando a expulsar ao portavoz do BNG Luis Seara logo de acusalo de ser un "canalla e un macarra" e exhibir públicamente unha suposta denuncia dun particular contra o concelleiro da formación nacionalista.
Luis Seara, quen compareceu logo do acontecido no pleno diante dos medios deixa claro que "subín ao estrado para poder explicarme diante dunhas acusacións gravísimas sobre a miña persoa", ao que engade, "teño que dicir que neste momento non teño constancia de ningunha denuncia contra a miña persoa, e teño que dicir que é falso que a policía me tomara onte declaración, O que me sorprende é que o alcade teña acceso e copia a esa suposta denuncia e sobor de todo, que a exhiba públicamente".
Para o concelleiro do BNG este proceder do alcalde ten unha dobre motivación, "rebela que ten medo ao BNG e que non ten argumentos de debate xa que non quere nin pode falar nin negociar con ninguén". Segundo Seara "o comportamento de Jácome demostra que sabe que lle queda pouco tempo e que ten os días contados como alcalde, non se vai sair coa súa e sempre nos vai ter enfronte".
En relación aos feitos aos que se refire, Luis Seara deixa claro que "en ningún caso son como se relatan e teño dúas testemuñas que estaban presente durante a conversa que o poden atestiguar no caso que se refira a esa conversa en particular".
Agradecemento ao resto da corporación
Por último, Luis Seara quixo agradecer o apoio recibido por parte do resto da corporación e polas múltiples persoas que ao longo das últimas horas teñen amosado o seu apoio e agarimo ao concelleiro nacionalista. "Quero agradecer ao resto de membros da corporación o seu apoio no día de hoxe máis pediríalle ao PP que aparte de marcharse do pleno, poña fin a esta situación absolutamente insostible, quero tamén agradecer as innumerábeis mostras de apoio recibidas nas últimas horas e o comportamento dos axentes da Policía Local que tiveron que intervir pola súa corrección e bo facer".