Ourense Provincia

Luis Menor pide aos populares ourensáns que reforcen a súa presencia na provincia

Ante os membros do único órgano de dirección, Menor estableceu as liñas traballo que teñen como obxectivo político máis inmediato apuntalar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda.

Óscar Gómez

Ourense | 22.11.2023 08:06

Luis Menor pide aos populares ourensáns que reforcen a súa presencia na provincia | onda cero

A xestora provincial do Partido Popular de Ourense celebrou a súa primeira reunión, na que o presidente Luis Menor pediu aos populares ourensáns que reforcen a súa presenza na provincia. “Temos que pisar máis territorio e facer máis partido”, reclamou Menor ante os membros do único órgano de dirección do PP, que segundo anunciou terá como secretaria á alcaldesa de Bande e responsable do servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Ourense, Sandra Quintas.

Unha semana despois de que o Comité Executivo do PPdeG referendase a lista cos 88 nomes que forman parte da xestora provincial, Luis Menor convocou a primeira reunión para establecer as novas liñas de traballo, que teñen como obxectivo político máis inmediato apuntalar a primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda. Unhas pautas de acción “que pasan por unha eficiente coordinación de todos os cargos de representación e institucionais do partido, ademais das persoas que se incorporan por primeira vez á actividade política”.

O presidente sostivo ante os membros da xestora que a multitudinaria resposta da cidadanía ourensá á convocatoria do 12 de novembro “non só demostra que non se pode enganar aos electores e acabar coa igualdade, senón que tamén hai gañas de partido e de seguir contribuíndo a manter a estabilidade política da que gozamos en Galicia”, engadindo ademais como exemplo da política “xusta e igualitaria” que desexa “o novo modelo de financiamento que imos poñer en marcha na Deputación”.

Órgano único de dirección con 88 membros

A xestora provincial do PP de Ourense está composta por 32 membros natos, entre eles os representantes nas Cortes Xerais e no Parlamento de Galicia, hoxe ausentes polas convocatorias que se están a celebrar nas súas respectivas cámaras. Tamén forman parte deste órgano os doce deputados provinciais e cargos do Goberno galego.

Na listaxe de membros figuran ademais outras 47 persoas procedentes fundamentalmente da política local, así como doutros ámbitos da actividades económica e social, e 9 membros máis que integrarán o Consello de Veteranos.