O grupo Luar Na Lubre comezará a súa xira de concertos deste ano cunha dobre actuación no Teatro Principal, os días 14 e 15 de xaneiro, en colaboración coa Deputación de Ourense, para presentar en Ourense o seu novo traballo “Vieiras e vieiros, historias de peregrinos”, un álbum que levan a promocionar desde o ano 2020 e que recolle historias e lendas dos peregrinos que percorreron os diferentes camiños que levaban a Santiago, así como as súas derivacións ata Fisterra e Muxía, nos confíns da terra.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou na sala de prensa do Pazo Provincial xunto aos integrantes do grupo Bieito Romero e Xavier Ferreiro, o comezo da xira deste ano de Luar Na Lubre que terá lugar en Ourense. Baltar lembrou que se trata da “banda máis internacional de Galicia que leva máis de 30 anos compoñendo e interpretando temas tan característicos e enraizados na nosa cultura”.
O seu último traballo, o número 19, será presentado en Ourense grazas a esa “andaina de colaboración que levamos a manter desde hai tempo e que xa fixera posible que un dos seus traballos homenaxeara á Ribeira Sacra cun disco ideado e gravado na nosa provincia”, destacou o presidente da Deputación de Ourense. Nesta ocasión, este último traballo tamén homenaxea a un dos grandes símbolos identitarios de Galicia como é o Camiño de Santiago”, engadiu Baltar.
O presidente do goberno provincial destacou o gran labor de investigación musical desta banda galega e “a súa chegada ao gran público, así como a súa pegada do seu compromiso coa música e coa cultural, innovando e deixando sempre quedar o pavillón de Galicia ao máis alto nivel en todas as partes do mundo”.
Durante esta primeira comparecencia do ano 2022, o presidente do goberno provincial lembrou a José Antonio Viñas, “un dos grandes da cultura de Ourense que nos deixou nestas datas. Un namorado e un precursor do folclore, das nosas costumes e tradicións e que sempre ficará con nós, polo seu compromiso coa cultura e pola súa identificación coa terra, e por esa pegada que deixou en “Queixumes dos Pinos” a través da súa contribución con moitas asociacións culturais da provincia que fai que o teñamos sempre presente”, salientou Manuel Baltar.
O grupo internacional de folk en Galicia pon a banda sonora ao Camiño de Santiago, a través dos 27 temas que conforman este traballo, que mestura as creacións propias, con sonoridades das sendas e lugares do itinerario xacobeo, coma o son dun temporal, os ríos, o vento, as aves rapaces, as campás en Cebreiros ou unha misa en Muxía.
As entradas para asistir a estes concertos, que comezan ás 20.30 horas, pódense adquirir na web:https://entradas.ataquilla.com/ventaentradas/es/otras-musicas/teatro-principal-de-ourense/13100--luar-na-lubre-vieras-e-vieiros-historias-de-peregrinos.html