A película, que conta co apoio da Xunta de Galicia, desenvolverá a súa gravación entre o 23 de febreiro e o 14 de marzo en diferentes localizacións da provincia, con escenas previstas tamén en Verín e Ourense capital.
As augas preséntase como un drama xeracional contemporáneo no que Ledicia Sola aborda unha historia que sucede en Ourense, lugar de procedencia da súa familia e que confesa como inspirador dunha película na que a auga serve como fío condutor. “É unha viaxe interior compartida. Unha historia xeracional de amigas, de mulleres reais que teñen unha revelación e deciden saltar por riba de calquera convencionalismo para facer as cousas dun xeito diferente, único e xenuíno, marcando así o seu propio camiño”, explica a directora.
Cun reparto encabezado pola propia Ledicia Sola e quen completan Marta Larralde, Melania Cruz, Lidia Veiga e Toni Salgado, a trama sitúase arredor da personaxe principal de Nora, quen regresa ao manancial da súa infancia coa esperanza de que as augas lle axuden a curar os seus males. Marta e Antía deciden acompañala nunha viaxe compartida na que as tres amigas tomarán unha decisión que marcará o comezo dunha nova etapa.