A liña troncal do servizo de autobuses terá bifurcacións de inicio e fin de ruta
O goberno municipal ultima a fase Alfa 3.0 de redeseño das liñas / A ruta que cruzará a cidade terá 2 saídas Norte: desde Covadonga e O Vinteún e 2 remates Sur en Expourense e Berrocás.
O goberno municipal ultima a fase Alfa 3.0 do redeseño das liñas do servizo de autobuses urbanos, que prevé facer pública a semana próxima. A proposta do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, o documento incorporará varias novidades para mellorar o funcionamento deste servizo municipal.
A principal é que a liña troncal, que vertebrará o servizo cruzando a cidade de Norte a Sur, incorporará dúas bifurcacións, nos extremos de inicio e fin de ruta, coa finalidade de garantir un mellor servizo e atender máis zonas da cidade con alta frecuencia.
Así, os autobuses terán 2 puntos de saída desde a zona norte da cidade: Covadonga e Sexto Instituto (barrio do Vinteún), e 2 de fin de liña na zona Sur: Expourense e Berrocás. Porén, todos compartirán un tronco común de ruta: desde a Praza da Marina até o Complexo Hospitalario. Serán 2 liñas, cada 20 minutos, sincronizadas de forma que no treito común as frecuencias serán cada 10 minutos.
Por otra banda, os 2 buses previstos na liña O Cumial – Seixalbo – Parque San Lázaro, que circularán cada media hora, poderían incorporarse a esta liña troncal a través dun ramal, de forma que, sen necesidade de utilizar máis vehículos, se podería acadar un servizo cada 20 minutos entre Seixalbo e o centro da cidade, e sen transbordo.
Actualización e redacción final do prego
O Concello de Ourense contratará nos próximos días a redacción final do prego de condicións que rexirá o concurso para adxudicar a xestión do servizo de autobuses urbanos. Basicamente, se trata de actualizar o prego xa elaborado polo Concello en 2019, coa finalidade de poder levar a cabo, en breve, a licitación do contrato.
O documento final non contemplará liñas e frecuencias pechadas, senón que seguirá un modelo de pagamento por kilómetro. Tamén contemplará a opción de prestar o servizo de transporte a demanda, de xeito que se poidan atender localizacións ás que non cheguen as liñas do servizo municipal, mediante subcontratacións con taxis ou vehículos con condutor. Tamén se establecerá unha variable pola que os ingresos da empresa concesionaria dependerán en parte do número de persoas que utilicen o servizo, e incentivar así a súa calidade.