Lete Lasa respalda o proxecto do parque acuático de Monterrei
Tras a inauguración da zona deportiva, a obra da primeira fase estará rematada no 2022 e as seguintes serán executadas sucesivamente
O secretario xeral incidiu en que a devandita obra, cun orzamento de preto de 10 millóns de euros cofinanciados entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, trátase “dunha mellora integral dun complexo deportivo que suporá unhas instalacións remodeladas, ampliadas e modernizadas, en consonancia cunha actuación pública orientada á dotación de infraestruturas axeitadas para a promoción da práctica de actividade polideportiva e de actividade física entre o conxunto da poboación”.
O mandatario galego fixo un repaso ás distintas fases do proxecto do Complexo Deportivo de Monterrei lembrando que a obra realizada na zona deportiva -pump track indoor para bicicleta BTT e deportes urbanos, unha pista polideportiva descuberta, unha pista de tenis cuberta e outra descuberta, dúas pistas de pádel cubertas e outras dúas descubertas e ampliación da cuberta da pista de atletismo- xa se atopa en pleno funcionamento e foi inaugurada polo presidente da Xunta o pasado 22 de marzo. Esta fase contou cun orzamento de 1,1 millóns de euros.
Ademais, tamén informou da licitación da redacción do proxecto de execución do parque acuático do que se derivan, á súa vez, dous proxectos de execución, para a fase 1 (entregado neste mes de abril) e para as fases fases 2, 3 e 4 (que se entregará no mes de xuño). A obra da primeira fase estará rematada no 2022 e o seu importe ascenderá a 5,5 millóns de euros. Estas obras consistirán na execución do edificio principal de servizos e acceso, unha zona acuática infantil, unha zona de tobogáns e piscinas, e os edificios de servizos. Rematada esta primeira fase, as seguintes serán executadas sucesivamente, segundo se concrete no proxecto de execución das fases 2, 3 e 4.
Lete Lasa destacou o pulo da Secretaría Xeral para o Deporte en prol das infraestruturas deportivas de calidade xa que, neste ano 2021 que o orzamento deportivo da Xunta medra ata os 32,5 millóns de euros (un 28,5% máis), 9,15 millóns serán destinados a obras de creación e reforma de infraestrutura deportiva, un 118% máis que en 2020. Neste sentido, o secretario xeral avogou por “zonas e espazos verdes de proximidade, dotacións públicas polivalentes e abertas ao conxunto da cidadanía” como o Complexo Deportivo de Monterrei que “mellorará sen dúbida a cohesión social e a calidade de vida dos cidadáns, favorecendo un entorno amable e dotado de infraestruturas, equipamentos e espazos públicos suficientes e adecuados para todos”.