José Miñones chama aos concellos do rural galego a sumarse á recuperación verde
A mellora das condicións de vida no rural protagoniza investimentos que se executan dende a pasada lexislatura e que no Carballiño e Maside deixaron máis dun millón de euros
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, fixo en O Carballiño un chamamento aos concellos do rural galego a sumarse á recuperación verde, dixital, con perspectiva de igualdade de xénero e inclusiva que vén da man da execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Executivo xa aprobado pola Comisión Europea.
Expresouse así durante unha visita institucional ao Concello do Carballiño, seguida por outra a Maside, onde subliñou a relevancia que terá para Galicia e para a provincia de Ourense o Plan de 130 Medidas fronte ao Reto Demográfico cun investimento histórico de 10.000 millóns de euros para garantir a igualdade e a cohesión territorial nos pequenos municipios. “Unha vez que Europa aprobou o Plan español, é o momento de definir a súa execución, e animo a entidades sociais, empresarias e concellos como O Carballiño a participar nesta definición”.
José Miñones lembrou que ata finais deste mes poden achegar as súas propostas ao Ministerio para a Transición Ecolóxica para elaborar a orde de axudas “coas que se impulsarán innumerables iniciativas innovadoras, de emprendemento e de xeración de emprego” nos entornos rurais: “Os concellos rurais galegos non poden quedar atrás”, apuntou.
Acompañado polo subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González; José Miñones estivo no Carballiño co alcalde, Francisco Fumega, con quen repasou investimentos que está a executar o Goberno, a través de distintos ministerios, neste concello e que superan os 520.000 euros.
Xuntos visitaron o lugar de Arcos, onde se está desenvolvendo un proxecto de mellora da iluminación pública que conta cunha achega de 320.442,84 euros do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), pertencente ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Ademais repasaron a situación dos investimentos da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, do mesmo Ministerio, que aporta preto de 200.000 euros para o acondicionamento de marxes do río Arenteiro, en colaboración co Concello, e que abordou actuacións de restauración de cauces no último ano.
O delegado do Goberno destacou que o reto demográfico está sobre a mesa do Goberno, como o amosan este tipo de proxectos, que permiten avanzar aos concellos de menor poboación “cara a transición ecolóxica, a conectividade dixital e, en definitiva, hacia unha mellora da calidade de vida”.
De feito, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital) permitirá este ano que 42 entidades de poboación do Carballiño conten con esta tecnoloxía de acceso á rede.
MASIDE
Tras visitar O Carballiño, o delegado do Goberno estivo en Maside e mantivo unha reunión co seu alcalde, José Manuel Iglesias. Alí constatou o estado dos seis proxectos que recibiron 541.046,42 eurosdo IDAE dentro da liña de axudas de mellora da eficiencia enerxética. Xa están terminadas catro intervencións de renovación do alumeado público e de mellora enerxética do pavillón polideportivo. Queda pendente un proxecto de renovación de alumeado a instalación dun xerador fotovoltaico para abastecer a estación de bombeo municipal.
Ademáis, o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración tivo 29 entidades beneficiarias deste término municipal onde se instalará este servizo antes de fin de ano.
Por último, no Concello de Maside, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil está traballando co Goberno local para evitar que volvan a producirse inundacións en parte do casco urbano cando se rexistran chuvias intensas. “Un proxecto de 360.000 euros que estamos executando nestes intres e que mellorará a calidade de vida e a seguridade dos cidadáns e comercios desta zona”, explicou o delegado do Goberno.