Jácome valora as festas como “simplemente, as mellores da historia de Ourense”
Pérez Jácome resalta que “este impresionante Nadal pecha un ano de ilusión en canto a festexos” e avanza que “esta é a senda que imos seguir e neste 2023 o Concello subirá o listón”.
O alcalde Gonzalo Jácome valora as festas do Nadal 2022 como “simplemente, as mellores da historia de Ourense”. Así o asegurou, logo de que chegase á súa fin a programación de actividades organizadas polo Concello para esta celebración.
O alcalde destaca que Ourense contou este ano coa maior iluminación de sempre, con luces de Nadal en máis de 100 rúas da cidade, coa segunda árbore máis alta de España e pórticos xigantes en toda a rúa do Paseo. Subliña tamén o acto multitudinario de acendido das luces, que reuniu máis de 30.000 persoas nas rúas, as 17 actuacións musicais que se levaron a cabo na Praza Maior e no Bus Musical (houbo 1 cada 2 días). Da ampla programación festiva, lembra tamén o rexedor os espazos acondicionados polo Concello en diferentes rúas e prazas da cidade, como o Poboado do Nadal na Praza de Bispo Cesáreo, o Mercado de venda de Nadal con 30 postos e 50 actividades gratuítas no Parque de San Lázaro, e os constantes cheos do Carrusel gratuíto situado a carón da Ponte Vella, o Parque Aventuras e o tren gratuítos instalados durante as festas no Xardín do Posío.
Pérez Jácome realza tamén o 90% de cheos nos espectáculos do Auditorio “cando a media era do 35% con outros gobernos do Concello”, o 80% de cheo no concerto de Omar Montes nos Remedios, xunto coa promoción a nivel nacional das termas e gastronomía de Ourense realizada polo cantante; as celebracións de Fin de Ano: coa Festa Adolescente e a de adultos, ambas con carpas cheas, a Festa de Reis que encheu a Praza Maior, o exitoso desfile de Papá Noel con renos e o cheo das 3 sesións do seu espectáculo de benvida do Auditorio. Todo isto, afirma, para rematar “coa mellor, de maior número de participantes, con máis escenas, con máis quilos de caramelos e sendo con diferenza a máis populosa Cabalgata de Reis de todos os tempos en Ourense (de novo máis de 30.000 persoas)”.
O alcalde pon de relevo que “toda esta ‘animada amenidade’ traduciuse nun superambiente do Nadal nas rúas da cidade durante as vacacións, con miles de visitantes foráneos, con máis clientes para comercio e hostalería..., e en xeral unha alegría contaxiosa que realmente Ourense necesitaba para volver sentirse viva, deixando atrás por fin a tendencia de idade escura das últimas 2 décadas con outro mandatarios”.
Gonzalo Jácome resalta que “este impresionante Nadal pecha un ano de ilusión en canto a festexos de 2022 se refire: Entroido, Festas de Ourense, Halloween, San Martiño e Nadal”, e advirte que “esta é a senda para seguir para que a alegría e optimismo non volvan escapar de Ourense. E neste 2023 o Concello subirá o listón”.