O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome reprobou a falta de “investimentos diferenciais” para Ourense nos Orzamentos Xerais do Estado para 2023 que presentou o goberno central. “A verdade é que somos a eterna Cenicienta, tanto para a Xunta de Galicia como para o Estado español”, manifestou este mediodía o rexedor, quen subliña que nas contas estatais para o ano 2023, unha vez máis, “non hai uns investimentos diferenciais onde se poida atopar unha discriminación positiva” para Ourense.
Argumenta Pérez Jácome que “no seu día, cando se fixeron investimentos ferroviarios en Ourense foi porque o AVE ten que pasar por aquí, non porque se quixeran facer investimentos en Ourense. Se non estivésemos antes de Santiago e A Coruña, non habería aquí investimento ferroviario”, asegura. Ademais, o alcalde discrepa de que estas obras se computen como investimentos en Ourense “cando non son únicas de Ourense. Non son algo exclusivo noso”, asevera.
En relación co aumento do gasto social nas contas estatais, sostén o alcalde que “é así porque en Ourense durante décadas fomos absolutamente discriminados. Moitísima xente por desgracia tivo que emigrar, fómonos empobrecendo pouco a pouco, e agora dinnos que esteamos agradecidos porque nos dan axudas sociais. Esas axudas hoxe necesítanse por culpa dos que nos fixeron pobres no pasado”