Jácome non realizará a "autopresentación" da cidade en Fitur
O alcalde sostén que “temos que ser coherentes co noso criterio, sempre fomos críticos con Fitur: é unha cita internacional impresionante a nivel privado pero de nada serve a promoción pública que se fai alí".
O Concello de Ourense non realizará a habitual “autopresentación” da cidade na feira Fitur, que se desenvolverá no mes de xaneiro en Madrid, porque é unha actividade “estéril, por endogámica, e custosa”. Así o avanzou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, quen afirma que “as persoas que escoitan e ven esas presentacións son xente de Ourense”, e que “non ten sentido facer publicidade de Ourense para os ourensáns”. Jácome subliña que a realización desta “autopresentación”, que inclúe a filmación dun vídeo promocional da cidade, vén supoñendo un custo duns 15.000 euros máis IVE e conclúe: “é tirar o diñeiro e o tempo, co cal non o imos facer”.
Explica o alcalde que participou nestas presentacións en dúas ocasións, dado que o Partido Popular, que xestionaba a área de Turismo e Termalismo do Concello, “sempre apostou” por organizar esta actividade. Porén, advirte que “o que vimos é que claramente era algo endogámico. As persoas que escoitan e que ven esa presentación é xente de Ourense, e ao mellor algún galego que pasaba por alí. Pero non se está promocionando para nada Ourense. Non ten sentido facer publicidade de Ourense para os ourensáns porque Ourense xa o coñecemos. O turismo temos que promocionalo para fóra”.
O alcalde sostén que “temos que ser coherentes co noso criterio, sempre fomos críticos con Fitur: é unha cita internacional impresionante a nivel privado pero de nada serve a promoción pública que se fai alí, e entendemos que non podemos ser cómplices de algo endogámico”. Engade o alcalde que a cidade de Ourense estará presente na feira dentro do expositor da Xunta de Galicia, que promocionará as catro provincias galegas.