Jácome: “foi o mellor Entroido da historia da cidade”
O alcalde anima a participar nos Maios e convida aos interesados en participar a que se vaian preparando con tempo, tendo a seguridade de que a festa se vai celebrar
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome fai un balance “extraordinario” das festas do Entroido de Ourense 2022, que onte chegaron á súa fin logo de 6 días de multitudinaria celebración na cidade. “Foi realmente incrible, foi o mellor Entroido da historia de Ourense cidade”, asegurou o rexedor, quen lembra que este foi o primeiro grande evento multitudinario despois da pandemia: “Outras cidades decidiron aprazalo, nós non; e cremos que acertamos nese sentido porque foi un éxito absoluto”, afirma.
Das diferentes actividades e propostas programadas desde a Concellería de Artes e Festexos para a celebración, o alcalde destaca a carpa instalada na Praza Maior: “unha carpa que nunca antes se instalara en Galicia, de grande beleza e espectacularidade que parecía estar feita para a Praza Maior porque encaixaba perfectamente e sorprendía”, amais de converterse nun dos centros neurálxicos da celebración da festa nas rúas da cidade. Pérez Jácome tamén valorou moi positivamente os desfiles, tanto o do Domingo de Entroido como o dos personaxes dos entroidos da provincia ou o escolar, na súa segunda edición. A cidade, dixo, rexistrou un grande ambiente nas xornadas de tarde e noite, cun grande ambiente nas rúas apoiado por un grande dispositivo de seguridade no desenvolvemento das celebracións: “houbo miles de persoas e todo saíu perfecto a nivel de seguridade”, explica. “Saíu o mellor Entroido e xa pensamos en 2023”, conclúe o alcalde.
O Concello de Ourense, desde a Concellería de Artes e Festexos, centra agora as súas miras nas próximas citas festivas: Os Maios e as festas de Ourense. Sobre as festas maiores da cidade, avanza o alcalde que “serán concentradas e reducidas en días, pero non en calidade e comezarán cando o remate o curso escolar, o 22 de xuño”. Mais, antes desta cita, estará outra tradicional celebración da programación festiva da cidade: Os Maios. O alcalde animou a todos os colectivos que desexen participar na festa para que se vaian preparando con tempo, tendo a seguridade de que a festa se vai celebrar.