Jácome agarda que non se deixe escapar a oportunidade salvar o COB
O Grupo Hereda farase cargo da débeda e dos gastos e partir deste momento, cunha intención clara: subir o equipo á ACB
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, agarda que “non se deixe pasar a escapar a opción” de salvar o Club Ourense Baloncesto (COB) e entende que “estamos ante unha oportunidade histórica: conseguir que diñeiro privado, xestión e enerxía profesional entren no accionaríao do COB e catapulten deportivamente o club”.
Para o rexedor ourensán o interese amosado polo Grupo Hereda “é o soño de calquera club deportivo profesional en vacas fracas: que unha gran empresa ou potentado tome as rendas e inxecte diñeiro privado no club”. “Atopar un merlo branco así é unha anomalía que ocorre unha vez cada varias décadas, se é que sucede”, engade Pérez Jácome.
Foi o propio alcalde quen viu a opción de contactar e convencer a Pedro Fernández, do Grupo Hereda, para que apostase polo Club Ourense Baloncesto. Ante a ocasión, manifesta Gonzalo Jácome, “non o dubidei, e por iso desde vai meses tivemos diversas reunións respecto a esta posibilidade”. Os termos do acordo son claros: o grupo faise cargo da débeda e dos gastos, e partir deste momento, cunha intención clara: subir o equipo á ACB.
Unha solución coma esta é a única opción posible xa que non se pode disputar unha competición profesional financiando un club con diñeiro público, asegura. “De feito Europa prohíbeo” e, de facer un uso inadecuado dos fondos públicos, o risco a futuras denuncias é moi alto. “Non debemos disputar unha competición deportiva profesional, con fondos públicos, con fondos de Concello nin da Deputación”, recalca o alcalde.
“As ligas deportivas profesionais, son para profesionais do deporte. O Concello de Ourense non é unha entidade deportiva. A Deputación de Ourense tampouco. Aqueles clubs que están na ACB están todos sustentados con diñeiro privado, non público -excepto en pequenas porcentaxes-. En Ourense é ao revés, levamos anos repercutindo grande parte desta carga á conta das arcas públicas”, argumenta.
Para o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, “o deporte competitivo só permite ser competitivo con capital privado”, de modo que “Concello e Deputación deben botarse a un lado para que o club de baloncesto consiga dúas cousas: que economicamente deixe de ser un saco sen fondo, e que volva ter opcións de éxitos deportivos no futuro”.