A Insua dos Poetas celebrou a segunda edición do Magosto
A xuntanza popular, organizada pola Fundación Insua dos Poetas co patrocinio da Deputación e a Xunta, contou na Esgueva coa presenza de centos de rapaces.
A Insua dos Poetas celebrou a segunda edición do seu Magosto popular, para os “nenos e as nenas na lingua propia”, segundo remarca Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, organizadora dun evento celebrado patrocinado pola Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia e a participación dos concellos do Carballiño, Maside, Boborás e O Irixo.
Centos de rapaces e as súas familias trasladáronse á Esgueva (Madarnás, O Carballiño) para participar nun magosto que repetiu o éxito da súa primeira edición, e que contou coa presenza do vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, xunto o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado da Xunta de Galicia, Gabriel Alén.
César Fernández valorou a importancia dun magosto que “xa está consolidado” dentro da axenda sociocultural da provincia e que se enmarca na “fonda aposta da Fundación Insua dos Poetas por promocionar e difundir a nosa cultura e o noso idioma, na que contan coa colaboración da Deputación de Ourense”.
“É importante, vital, celebrar eventos deste tipo, nos que traballamos para enraizar entre os cativos unha tradición tan galega, tan ourensá, como é o magosto”, pondera pola súa banda Luis González Tosar antes de destacar o coidado co que se deseñou un evento cun formato “especialmente adicado para os rapaces, lúdico e actual”.
Nesta liña, o magosto, combinou o aspecto gastronómico máis tradicional -o menú estivo composto por chourizos, castañas asadas e bica- cunha programación marcada polos xogos infantís e as atraccións ecolóxicas, ademais de DJ Tibu e o concerto de Pele Pau. Os nenos asistentes participaron nun sorteo de varios lotes de libros e xogos didácticos.