O Inorde participa no I Encontro de Gandeiros da Raza de Ovella Galega celebrado en Viana do Bolo e Vilariño de Conso
Segundo os organizadores, o obxectivo deste encontro é dar a coñecer e promocionar a cría de ovella galega, así como as súas cualidades e singularidades que a fan perfecta para o seu aproveitamento.
A xerente do Inorde, Emma González, acompañada polo veterinario deste organismo provincial, Bernardino González, participou no I Encontro de Gandeiras da Raza de Ovella Galega, celebrado nos municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. A actividade estivo organizada pola Granxa Ecolóxica Rexenerativa A Ciruxana, Montes de Boado e Finca A Tellada.
Segundo os organizadores, o obxectivo deste encontro é dar a coñecer e promocionar a cría de ovella galega, así como as súas cualidades e singularidades que a fan perfecta para o seu aproveitamento. Ademais, aseguran que tamén é unha oportunidade para que os criadores de ovella galega se poñan en contacto e continúen a loitar pola recuperación desta raza que se atopa en perigo de extinción, ver diferentes modelos de cría e buscar saída a súa comercialización, tanto da carne como da lá.
A xornada comezou na Casa da Cultura de Viana do Bolo cunha mesa redonda na que participou a xerente do Inorde, Emma González; o alcalde de Viana do Bolo, Andrés Montesinos; o presidente honorario da Federación de Razas Autóctonas de Galicia, Boaga, Cástor José Rivero; e a directora técnica da Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega, Asovega, e da Asociación de Gandeiros da Raza Cabra Galega, Capriga, Silvia Adán Belmonte.
Na súa intervención, o presidente honorario de Boaga puxo en valor o convenio de colaboración co Inorde a través do cal “se está a garantir un correcto funcionamento da conservación das razas autóctonas”. Neste mesmo sentido, a xerente do Inorde salientou que “esta liña de traballo do organismo provincial é fundamental nun territorio como o noso onde o sector agrogandeiro é clave no desenvolvemento económico do noso rural”, e lembrou que “temos na provincia as dúas Cabanas máis grandes de Galicia ubicadas en Vilariño de Conso e Maceda, o que da boa conta do gran traballo que realizan os nosos gandeiros”.
Visita a granxas
Posteriormente, visitaron a Granxa Ciruxana, de Xoán González en Ardexarxe, Vilariño de Conso. Este mozo gandeiro aposta polo sistema de cría ao aire libre e a rexeneración de pastos. Ademais está certificada como produción de raza 100% autóctona e ecolóxica. Mantén ao redor de 500 ovellas que crían uns cordeiros de gran calidade e gusto. Para elo válense da produción estacional e limitada, criando cordeiros de xeito ecolóxico que maman o leite cando o necesitan e comen do pasto das súas propias terras e leiras.
Pola tarde, a xornada rematará cunha visita á granxa de Nieves Fernández, O Pico das Bouzas, en Viana do Bolo. Nieves é unha gandeira tradicional e un referente non só como criadora de ovella galega, senón tamén como escritora e muller dinamizadora do noso rural. A súa explotación é autosuficiente e todo o que consumen as ovellas colleitase na gandería, sen empregar ningún penso. Ademais tamén conta co logo de 100% autóctono.
A ovella galega
A raza de ovella galega conta cunha serie de características que a fan idónea para a explotación en extensivo, como a gran resistencia a enfermidades, a lonxevidade, a boa produción de leite ou a súa fertilidade. Unhas características que fan que se adapte á perfección á orografía e á climatoloxía de Galicia, aproveitando ademais os recursos naturais da nosa terra.