Inicio das obras do camiño afectado pola conexión coa A-52 no polígono de San Cibrao da Viñas
Esta nova intervención suporá un investimento de 30.000 € e céntrase na execución dun treito que conecta coa vía de servizo desta nova conexión, restituíndo o acceso do camiño local ao novo trazado da vía provincial OU-0516.
A Consellería de infraestruturas e Mobilidade iniciou hoxe as obras de reposición do acceso ao camiño municipal afectado pola nova conexión do Polígono de San Cibrao das Viñas coa autovía A-52.
Esta intervención, que supón un investimento de preto de 30.000 euros, céntrase na restitución do acceso do camiño municipal ao novo trazado da estrada provincial OU-0516, executando un novo treito de camiño que conecte o actual coa vía de servizo da nova conexión do parque empresarial de San Cibrao das Viñas coa A-52.
En concreto, estas obras para restablecer o acceso da estrada local ao novo trazado da vía provincial OU-0516 inclúen a apertura dun desmonte ao final do camiño que dea continuidade ata a cota de conexión necesaria, ata acadar un novo tramo de camiño de 90 metros de lonxitude en saburra, horizontal e cunha anchura de 4 metros.
Esta obra tamén incluirá a instalación de barreiras de seguridade e o acondicionamento do acceso do viario de servizo á vía provincial, transformando a gabia actual en badén, estendendo un dobre tratamento superficial e colocando un sinal de stop. Para executar as obras é necesario actuar sobre a plataforma existente en toda a zona de actuación, o que poderá supor interrupcións puntuais do tráfico ou a súa regulación do mediante circulación alternativa que estarán debidamente sinalizadas.
22 M€ nunha infraestrutura estratéxica
O Goberno galego, mediante esta intervención, dá resposta á solicitude do Concello de San Cibrao das Viñas de executar esta conexión nun camiño municipal que quedou afectado polas obras de acceso ao polígono industrial desde a A-52. A Xunta, tras un investimento de case 22 millóns de euros, puxo en servizo a nova conexión do polígono industrial de San Cibrao das Viñas coa autovía das Rías Baixas, constituíndo unha infraestrutura estratéxica para o pulmón empresarial de Ourense, ao enlazar nun único punto con esta autovía e a de Celanova, a AG-31.
A nova vía permite, desde setembro de 2020, unha conexión directa e áxil ao parque empresarial, chegando a reducir nun 60% o percorrido de conexión coa autovía A-52, ademais de supoñer reforzo da seguridade viaria e mellorar a conectividade con Celanova e Bande, favorecendo a mobilidade en toda a zona.