Datos paro

Galicia rexistra a terceira cifra de desemprego máis baixa dende 1996

Galicia pechou o mes de xuño con 140.932 persoas sen emprego, a terceira cifra máis baixa de toda a serie histórica de datos (1996). De feito e, tal e como apuntou a directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, só houbo menos paro en xullo e agosto de 2007 con 139.998 e 140.299 desempregados respectivamente.

Redacción

Ourense | 04.07.2022 12:06

Zeltia Lado | onda cero

Zeltia Lado destacou que o paro descendeu na evolución anual e mensual, e nas principais variables: en todos os sectores de actividade, nas catro provincias e nas sete grandes cidades. Tamén salientou o comportamento favorable dos colectivos con máis dificultades para atopar un emprego. Así mesmo, indicou que con respecto a maio de 2022, Galicia é a terceira comunidade con maior baixada do desemprego en termos absolutos (-5.188) e a quinta en relativos (-3,55%). Con respecto ás afiliacións, crecen en Galicia na evolución anual e mensual.

Máis polo miúdo, no que se refire á evolución anual, a cifra de persoas paradas é a menor nun mes de xuño de toda a serie histórica. O paro baixou nun -10,64% con respecto a xuño de 2021, o terceiro maior descenso porcentual nun xuño desde 1996. Ademais, Lado sinalou que Galicia acumula xa máis dun ano consecutivo de baixadas do paro na evolución anual. En canto aos sectores de actividade, puxo en valor a caída do desemprego na industria (-17,17%), que lidera a caída do paro nos sectores económicos por terceiro mes consecutivo na evolución anual.

Por colectivos prioritarios, o desemprego diminúe en todos eles, con especial fincapé nos parados de longa duración (-21,55%). Tamén cae a cifra de persoas sen emprego entre os menores de 30 anos (-11,97%), as mulleres (-10,34%) e maiores de 44 (-7,29%).

Con respecto ás afiliacións, aumentaron no último ano nun 2,62% (+26.803) e, deste xeito, Galicia conta con 1.048.523 cotizantes á Seguridade Social, un nivel superior ao reflectido hai 13 anos.

No referido á evolución mensual, Galicia é a terceira comunidade que rexistra a maior caída do desemprego en termos absolutos (-5.188) e a quinta en relativos (-3,55%). Ademais, o descenso galego (-3,55%) é máis do dobre que o acadado na media estatal (-1,45%), con 2,1 puntos de vantaxe. E, ao igual que na evolución anual, o paro diminúe en todas as provincias e nas sete grandes cidades; e en todos os sectores de actividade, liderando a caída a agricultura e a pesca (-6,23%), seguido da industria (-5,10%), dos servizos (-3,58%) e da construción (-2,84%). O desemprego descende tamén nos colectivos prioritarios para o Goberno da Xunta, destacando a baixada entre os menores de 30 anos nun -5,78%.

As afiliacións aumentan nun 0,75%, un incremento maior que a subida experimentada no Estado (+0,57%); e a contratación crece en xeral nun 15,51%, tamén un aumento superior ao do Estado (+7,83%).

Axenda Galega de Capacidades

En palabras da directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, é para a Xunta unha prioridade “seguir avanzando na senda do crecemento, creando, como ata o de agora, emprego de calidade”. Por iso, explicou que o Goberno galego deseñou a Axenda Galega de Capacidades para o Emprego, que definiu como “unha estratexia global de modernización do servizo público de emprego, clave para incrementar a produtividade e ofrecer novas oportunidades laborais”.

No marco desta planificación, Lado sinalou que a Xunta fixo, entre outros, unha avaliación das necesidades do mercado laboral para axustar a cualificación das persoas traballadoras á demanda das empresas; está a renovar as dependencias das oficinas de emprego; deseñouse unha nova ferramenta baseada en intelixencia artificial, que permitirá un emparellamento eficaz da oferta e a demanda de emprego; e estase afondando na mellora do servizo de orientación. Así mesmo, indicou que o Goberno autonómico elaborou tamén o Estudo de tecnoloxías emerxentes para a transformación do emprego, unha proposta das cualificacións profesionais que, segundo detallou, será necesaria para facer fronte aos empregos do futuro e tratar de prever, deste xeito, os futuros requirimentos formativos que serán demandados desde o mercado laboral.

Todas estas medidas, en palabras de Lado, van da man, ademais, do Plan de formación para o emprego para persoas ocupadas e desempregadas, cun investimento superior aos 100 millóns de euros, e que ofrece unha cualificación que, segundo subliñou, “sempre está adaptada ás necesidades das nosas empresas”. Deste Plan forman parte, entre outras medidas, a sinatura dos convenios de colaboración que a Xunta mantén con nove entidades, principais clústeres galegos e federacións, por importe de 5,7 millóns para cualificar a máis de 15.500 persoas a través de 500 cursos especializados nos oficios que demandan os sectores estratéxicos de Galicia.

A directora xeral tamén lembrou que a Administración galega ten a disposición do tecido empresarial as Unidades Formativas nas Empresas, unha iniciativa dotada con 14 millóns na que a Xunta financia o 100% da cualificación que imparten e deseñan as propias compañías, as cales adquiren o compromiso de contratar a un 40% do alumnado que participe no programa.

“Do que se trata é de axustar as necesidades de persoal á man de obra que precisa o mercado de traballo e incrementar, así, a competitividade. É unha formación para o emprego na que as empresas poden adaptar o contido formativo ás súas necesidades”, rematou.