Galicia pecha xaneiro coa cifra máis baixa de desemprego neste mes
As afiliacións continúan medrando con respecto a hai un ano e volven a superar a barreira do millón, situándose a cifra a un nivel superior ao reflectido hai 12 anos.
Galicia pechou xaneiro con 153.932 persoas sen emprego, a cifra máis baixa de paro acadada no primeiro mes do ano de toda a serie histórica (1996). A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, destacou que a cifra, ademais, continúa a niveis precovid-19, “afastada” do número de desempregados que había ao inicio da pandemia. De feito, neste tempo, desde febreiro de 2020, o desemprego reduciuse nun -7,40%, case duplicando o ritmo de baixada no Estado (-3,79%).
na senda da recuperación
Lado indicou o “bo comportamento” do mercado laboral con respecto a hai un ano, o que significa que continúa “na senda da recuperación”. O descenso acadado (-17,23%) é o maior de toda a serie histórica de datos nun mes de xaneiro e supón que Galicia acumula xa 10 meses consecutivos de baixada do paro na evolución anual. O desemprego cae nas principais variables: nas catro provincias, nas sete grandes cidades, en todos os sectores económicos, nos menores de 30 anos, nas mulleres, nos maiores de 44 e nos parados de longa duración. A directora xeral detallou que as cifras de mulleres e de menores de 30 anos desempregados son as menores nun mes de xaneiro de toda a serie histórica destes datos (2005).
As afiliacións tamén aumentan con respecto a hai un ano, nun 2,98%, e volven a superar a barreira do millón con 1.021.954 cotizacións. A cifra sitúase a un nivel superior ao reflectido hai 12 anos (xaneiro 2010: 1.004.493).
Con respecto á contratación, sinalou que aumenta de xeito xeral, e tamén a indefinida e a tempo completo. O incremento rexistrado nos contratos indefinidos (+83,16%) e moi superior ao reflectido na contratación temporal (+9,74%). A tempo completo (+6.080) tamén aumenta, o que supón en termos absolutos unha maior subida que a contratación a tempo parcial (+5.272).
Evolución mensual
En canto á evolución mensual, Lado explicou que o paro crece en Galicia “de xeito habitual” nos meses de xaneiro como consecuencia do remate da campaña Nadal. Neste senso, subliñou que, de feito, o único sector de actividade onde aumentou o paro con respecto a decembro foi nos servizos (+2%). Pola contra, o desemprego baixou na industria (-2,35%), na construción (-1,03%) e na agricultura e a pesca (-0,09%). No Estado, o paro tamén aumenta (+0,55%), nunha proporción similar a Galicia (0,88%).
Ademais, a contratación indefinida aumentou no último mes nun +65,50% fronte ao incremento do 37% rexistrado en España. As afiliacións baixan no Estado e en Galicia nunha proporción case idéntica.
Axenda Galega de Capacidades
Para continuar creando emprego de calidade, Lado explicou que a Xunta está a transformar á formación para o emprego, conferíndolle a importancia que ten para que o tecido empresarial galego poida contar cos traballadores e traballadoras que precisa.
“Estamos a poñer en marcha diversos mecanismos para axustar a oferta á demanda laboral, ofertando ás persoas que buscan emprego ou un mellor posto laboral a cualificación que demandan as empresas”, engadiu. Insistiu na necesidade de seguir reforzando a formación para o emprego para atender as necesidades do mercado laboral e, por iso, lembrou que Galicia conta coa Axenda Galega de Capacidades para o Emprego para fortalecer a competitividade das empresas e a Comunidade siga a demostrar o forte talento dos galegos e galegas.
Trátase dunha estratexia de formación para o emprego “integral e ambiciosa”, un instrumento que, segundo afirmou, está chamado a ser “piar do sistema de colocación galego”, ao optimizar os perfís profesionais para dar resposta aos desafíos do mercado de traballo e dotar a galegas e galegos das capacidades e recursos necesarios para o seu pleno desenvolvemento nas distintas fases da vida laboral. En paralelo, lembrou que tamén se está a levar a cabo unha reforma integral do Servizo Público de Emprego de Galicia.
Oferta formativa
Lado, así mesmo, referiuse á oferta formativa que apoia a Xunta, adaptada ás necesidades do tecido empresarial, recordando que a Xunta traballa na actualidade, en colaboración co sector da hostalería e o turismo, na posta en marcha dun novo Plan para reforzar a formación e a profesionalización deste
ámbito durante o Xacobeo para xerar moita máis actividade empresarial e emprego de calidade. Esta iniciativa súmase ao actual Plan de formación no Xacobeo específico para o sector servizos, no que se están a cualificar máis de 7.000 persoas a través de 400 cursos.
Tamén apuntou que a oferta formativa conta con novos cursos para persoas desempregadas cun investimento de 5 millóns de euros para formar máis de 1.800 persoas sen emprego en centros educativos de FP grazas a un acordo entre as consellerías de Emprego e Igualdade e de Cultura, Educación e Universidade. Desde o ano 2015 máis de 13.300 alumnas e alumnos recibiron formación para o emprego grazas a esta colaboración.
A directora xeral rematou a súa intervención indicando que a Xunta continúa impulsando o traballo de calidade a través da formación e a través de axudas directas ao emprego, con preto de 100M€ activados no primeiro mes do ano, “na procura de articular políticas activas de emprego que sexa próximas aos problemas reais dos cidadáns”, concluíu. Onte mesmo publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) tres ordes de axuda que suman 16,2 millóns de euros para impulsar o emprego local en Galicia, apoiando a contratación de 1.300 persoas.