Gabriel Alén resalta o impacto da campaña "Outono Gastronómico no Turismo Rural"
O delegado territorial explicou que nesta 17ª edición, son 17 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 15 de setembro ata o 17 de decembro.
O delegado territorial explicou que nesta 17ª edición, son 17 os establecementos da provincia de Ourense que participan nesta iniciativa consolidada dende o 15 de setembro ata o 17 de decembro co gallo, segundo Gabriel Alén, “de dinamizar o turismo no eido rural e favorecer a desestacionalización neste período”.
Gabriel Alén sinalou que a oferta do Outono Gastronómico “convértese nunha excelente oportunidade para atraer turistas de fóra, pero tamén para que os propios galegos poidan descubrir e gozar da paisaxe, da gastronomía e da calidade dos establecementos rurais de comarcas que aínda non coñezan”. Así, lembrou as máis de 85.000 persoas que participaron ao longo das edicións anteriores e que xeraron no sector turístico rural máis de 5,3 millóns de euros coas súas estadías nos establecementos de turismo rural adheridos ao programa en toda Galicia.
O delegado territorial destacou que os establecementos participantes ofrecerán dous menús coidados e baseados na calidade dos produtos galegos, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Aquí teñen cabida tanto a cociña tradicional como a nova cociña con denominación de orixe galega; ámbalas dúas comprometidas coa redución da pegada de carbono, artesanais e de temporada.
Ademais do Menú Outono Gastronómico, co fin de adaptarse aos gustos e ás necesidades dos diferentes tipos de viaxeiros, propóñense outras posibilidades como o Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú e pernoctar na casa de Turismo Rural elixida; o Paquete Fin de semana Outono Gastronómico que inclúe dous menús por persoa, máis o aloxamento de dúas noites e, por último, o Paquete Fin de semana familiar Outono Gastronómico, dirixido a aqueles viaxeiros que quixeran compartir coa familia unha fin de semana dentro deste programa turístico e que inclúe ofertas para un e dous nenos de ata 14 anos, ou o Paquete Outono Plus. Os prezos oscilan entre os 35 e os 340 euros.