Gabriel Alén destaca a variedade da oferta musical e cultural do Xacobeo
Gabriel Alén destacou que a programación de Concertos do Xacobeo inclúe 11 eventos musicais na provincia con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participou, acompañado do alcalde, Antonio Puga, na presentación do concerto de Miguel Rios & The Black Betty Trio que se celebrará o 18 de agosto ás 21,00 horas no Claustro do mosteiro de San Salvador de Celanova. O prezo das entradas, que están á venda en Ataquilla.com, será de 23 euros máis gastos de xestión da empresa distribuidora, e o aforo do mesmo terá un máximo de 700 persoas sentadas.
Este evento -sinalou Gabriel Alén- encadrado dentro da programación de Concertos do Xacobeo espallarán música e espectáculo por toda xeografía provincial con máis de 14 artistas de primeiro nivel que chegarán a todos os recunchos de Ourense para celebrar un Ano Santo extraordinario.
O delegado territorial subliñou que O Camiño de Santiago é sinónimo de turismo, de lecer, de cultura ou de natureza e estes concertos agrandarán o éxito seu internacional que nos últimos anos traspasou fronteiras e moveu a millóns de cidadáns de todo o mundo cara a Galicia.
Gabriel Alén explicou que a Xunta deseñou un espectáculo descentralizado que quere dar protagonismo ao carácter global dun evento internacional como é o Xacobeo que se espalla por todos os recunchos de Galicia. Así, perante sete meses, vilas e cidades de Ourense desfrutarán dunha oferta musical que terá un importante retorno económico nos lugares nos que se celebran os eventos musicais e que reforzará a sona internacional que o Ano Santo dá a Galicia.
O representante do Goberno galego destacou que a programación de Concertos do Xacobeo inclúe 11 eventos musicais na provincia con actuacións de diferentes estilos e para todos os públicos. Xa desenvolveu o concerto de The James Hunter Six e esta pasada fin de semana o Ouren Sound Fest; proximamente actuarán artistas como, Víctor Manuel, Miguel Ríos, La Guardia, Danza invisible, Placebo, The James Hunter Six, Gustavo Santaolalla e, ademais da mellor música galega como As Tanxugueiras, Roi Casal e Xoel López. A programación tamén contempla os festivais Silfest, El Musgo e o Festival de Música Alternativa e o Ciclo Xacobeo Importa, que se desenvolverá na Capital.
Os interesados poderán consultar a programación na páxina web concertosdoxacobeo.gal, que se irá actualizando periodicamente. Tamén poderán facelo nas distintas páxinas web e redes dos festivais e ciclos dos concertos previstos.