Gabriel Alén anima os mozos a participar no "Outono Xove"
O delegado territorial explicou que se trata dun programa de educación non formal durante o outono, co fin de ofrecer alternativas de ocio responsable e seguro á mocidade galega e favorecer a adquisición de competencias transversais.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou a nova edición do programa Outono Xove; iniciativa da Xunta, a través da Consellería de Política Social e co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables. Trátase dun programa de educación non formal durante o outono, co fin de ofrecer alternativas de ocio responsable e seguro á mocidade galega e favorecer a adquisición de competencias transversais.
Acompañado da xefa territorial, María José Fernández, o delegado territorial explicou que o programa conta 880 prazas dispoñibles para que a mocidade galega desfrute de actividades de lecer e formativas durante as fins de semana dos meses de novembro e decembro en albergues xuvenís e residencias de tempo libre situadas en diferentes localidades do territorio galego. Os mozos de entre 14 e 30 anos de idade que desexen anotarse poderán facelo a partir das 10:00 horas xa dende o mércores 2 de novembro, e a través do formulario de inscrición que se poderá cubrir directamente na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Gabriel Alén sinalou que o Outono Xove volve presentar un amplo catálogo de actividades que se vertebra en dez programas que se desenvolverán noutras tantas instalacións; dúas delas na provincia de Ourense: ‘Aventureza no Carballiño’, na residencia de tempo libre deste municipio ourensán e ‘Descubrindo o Xurés’, no complexo turístico e deportivo O Corgo, en Muíños.
Outono Xove en Ourense
‘Aventureza no Carballiño’ desenvolverase do 25 ao 27 de novembro para a quenda de mozos e mozas de 14 a 17 anos, e do 2 ao 4 de decembro e 9 ao 11 de decembro para os mozos e mozas de 18 a 30 anos. As actividades xirarán a carón de rutas e rastrexos culturais e de aventura, xogos populares, xogo de escape no Carballiño, láser tag e tiro con arco.
‘Descubrindo o Xurés’ desenvolverase do 11 ao 13 de novembro, do 18 ao 20 de novembro e do 25 ao 27 de novembro para a quenda de mozos e mozas de 14 a 17 anos. Do 2 ao 4 de decembro e do 9 ao 11 de decembro para os mozos e mozas de 18 a 30 anos. As actividades consistirán na ruta megalítica en Maus de Salas e visita ao Foxo do Lobo, obradoiro ambiental e de refugallo, actividades de identificación de rastros e sinais de fauna, xeolocalización e actividades de lecer relacionadas coa contorna natural e paisaxística do Parque Natural Baixa Limia e Serra do Xurés.
O número de prazas habilitadas para cada unha destas opcións e fins de semana é de 20 e, ademais, en cada unha destas instalacións celebrarase un máximo de cinco quendas, que comezarán o próximo día 11 de novembro. O programa inclúe aloxamento en albergue xuvenil ou residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá.
Dous grupos de idade
Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade diferencias, posto que haberá grupos con participantes de 14 a 17 anos e outros de 18 a 30. A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles por programa.
Programación especial gratuíta nos Espazos Xoves
Así mesmo, o Outono Xove contempla unha programación especial, totalmente gratuíta, nos 12 Espazos Xoves dependentes da Xunta de Galicia. Esta iniciativa inclúe doce tipos de actividades presenciais vinculadas a diferentes ámbitos. Destas actividades propostas, catro desenvolveranse os sábados: escape room, break dance, obradoiro de cine e xogos de mesa. Os oito restantes realizaranse de martes a venres, segundo o calendario que se especifica para cada Espazo Xove: rap, danza moderna, xadrez creativo, xadrez, maquillaxe artística, robótica, teatro e ciencia.
Ás actividades están dirixidas a mozas e mozos da contorna de cada Espazo Xove, con idades entre os 12 e os 18 e darase preferencia a aqueles que teñan entre os 12 e os 16 anos. Cada persoa poderá inscribirse en cantos obradoiros queira, tendo en conta que algúns teñen varias sesións encadeadas ao longo do período do programa. A inscrición será no propio Espazo Xove a través das súas canles de comunicación habituais: presenciais, telefónica ou electrónica.