Cooperación

O futuro Parque da Igualdade toma forma na contorna do encoro de Cachamuíña

O Parque da Igualdade, cunha superficie próxima aos 2.800 metros cadrados, constará dun amplo paseo en forma de lazo, onde os visitantes atoparán diversos obstáculos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno.

Óscar Gómez

Ourense | 29.10.2021 07:59

O futuro Parque da Igualdade toma forma na contorna do encoro de Cachamuíña | onda cero

A deputada de Igualdade, Luz Doporto, e o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, visitaron as obras que a Deputación de Ourense está a realizar no encoro de Cachamuíña para a construción do Parque da Igualdade, unha iniciativa da que non consta proxecto semellante e que se converterá nun lugar de homenaxe permanente ás vítimas da violencia de xénero.

Tras comprobar o avance dos traballos, Luz Doporto destacou que este proxecto “supón pasar das palabras aos feitos” en referencia ao Plan de Igualdade de Oportunidades entre Homes e Mulleres, aprobado pola institución provincial en 2017 e vixente ata este ano. O novo espazo, dixo, “naceu coa idea de ofrecer unha experiencia emocional a escolares, familias e calquera colectivo para profundar na prevención da violencia de xénero e concienciar á sociedade sobre como se produce esa escalada da violencia”. Para promover os principios de igualdade, solidariedade e xustiza, engadiu, “a educación, a aprendizaxe e o coñecemento crítico son elementos esenciais, e nese obxectivo queremos facer a nosa achega con este espazo”.

O Parque da Igualdade, cunha superficie próxima aos 2.800 metros cadrados, constará dun amplo paseo en forma de lazo, onde os visitantes atoparán entre especies vexetais especialmente seleccionadas diversos obstáculos que representan o camiño emocional que percorren as vítimas e o deterioro do seu entorno. No centro do óvalo que formará o lazo, a loita das mulleres pola igualdade estará representada por unha escultura dun artista ourensán, na que figurarán os nomes de todas as vítimas da violencia de xénero desde o 2003, ano no que se comezou a dispoñer de datos.

Pola súa banda, Pablo Pérez subliñou que o Parque da Igualdade “estará integrado na futura área natural e de ocio que a Deputación está a construír e ampliar na contorna do encoro de Cachamuíña, convertendo a este punto do Concello de Pereiro de Aguiar no gran pulmón verde de Ourense”.