A Fundación San Rosendo creará 215 novas prazas para maiores dependentes en 2025
A "Fundación San Rosendo" avanza en dous novos centros na Coruña e Lugo e espera polas licencias en Ourense e Verín
A Fundación San Rosendo de Ourense fixo balance da actividade de 2024 e avanzou que en 2025 a sua "prioridade será crear novas prazas de residencia para persoas maiores dependentes que viven rural" coa previsión de xerar 215 novas, 115 empregos e mobilizar 15 millóns de euros dun orzamento total de 75,4 , un 7,4% máis que o ano anterior e no que a inversión será duns dous millóns de euros.
Dende esta entidade privada sinalaron dous proxectos "avanzados" na localidade lucense de Ferreira de Pantón e na Coruña. Tamén agardan poder executar as obras da unidade de apoio a persoas maiores na avenida de Pontevedra de Ourense e a residencia de maiores de Verín que segundo apuntan están "administrativamente paralizados" á espera de recibir as correspondentes licencias municipais.
Ademáis a Fundación San Rosendo confirma que porá en marcha a "Unidade terapéutico termal" en Arnoia no primeiro semestre de 2025.
En paralelo a Fundación mantivo unha vertente formativa e abríu as portas dos seus centros a estudantes da FP dual en disciplinas coma "coidados auxiliares de enfermería e animación" ademáis de acoller estudantes en prácticas na "atención á dependencia" ou participar no programa "Innovatech".
Na actualidade a Fundación San Rosendo dispón de 73 centros asistenciais en Galicia, 60 para maiores, 11 para persoas con discapacidade, un para tratamento do alcolismo e un centro de inclusión. No conxunto suman 3872 prazas das que o 24,9% son concertadas. A plantilla de traballadores e traballadoras ascende a 2272 persoas, un 2% máis que o ano anterior.
Ademais os responsables da Fundación informaron que en 2024 fixeron compras a 125 empresas galegas por importe de 8,7 millóns de euros destacando o seu "impacto no apoio ao rural" onde está o 89% dos centros da fundación.