Congreso Psoe delegados

Fumega destaca a súa "holgada victoria" no proceso de elección de delegados

A candidatura salientou “un holgado trunfo por máis de 200 votos” no conxunto da provincia e os “excelentes resultados” na agrupación municipal da cidade “cun 10 % máis que a outra lista rexistrada”

“Estamos no mesmo barco, veñen procesos intensos para o partido e deses procesos dependerá que poidamos gobernar esta provincia e a maioría dos seus concellos”, aseverou Francisco Fumega

Óscar Gómez

Ourense | 27.09.2021 08:12

Fumega destaca a súa "holgada victoria" no proceso de elección de delegados | La voz de galicia

A candidatura encabezada por Francisco Fumega vén de destacar a súa “ampla victoria” no proceso de elección de delegados e delegadas para o Congreso Federal do PSOE, que se celebrará en Valencia os días 15, 16 e 17 de outubro, tras lograr “un holgado trunfo por máis de 200 votos”. A candidatura, que chamou “á unidade de todo o partido” logo deste proceso democrático, salientou a “alta participación” e os “excelentes resultados” acadados nas comarcas, “gañando amplamente en todas sen excepción”. Tamén celebrou os “excelentes resultados” na agrupación municipal da cidade “cun 10 % máis que a outra lista rexistrada”.

Ao final da xornada, desde a sede provincial do PSdeG-PSOE, Fumega quixo “darlle as grazas ao conxunto dos militantes, votáranme ou non” e tamén “as grazas ás persoas que estiveron traballando nas mesas”. “Dicir que este proceso é para unirnos, somos compañeiros e vamos remar todos os militantes na mesma liña, porque da unión dos militantes que conforman este partido con 120 anos de historia, vai saír a posibilidade de acadar resultados que ó final perseguen, na miña concepción, mellorar a calidade de vida da xente”, proclamou.

Así mesmo, o candidato e alcalde do Carballiño salientou que “o resultado está claro, non hai moito que discutir, é un 60/40” e a continuación engadiu que “estamos no mesmo barco, veñen procesos intensos para o partido e deses procesos dependerá que poidamos gobernar esta provincia e a maioría dos seus concellos”. “Esa é a conclusión que debemos sacar hoxe, temos un partido marabilloso, con militantes marabillosos que teñen a liberdade de escoller as opcións que queren, algo que non pasa noutros partidos”, concluíu entre as felicitacións e loubanzas dos e das militantes Partido Socialista que alí se encontraban.