O Festival Harmatán achegará a Ourense “un corredor cultural”
O festival, que se realizará do 11 ao 14 de abril, permitirá “mostrar a África creativa, en movemento, e romper coa imaxe nostálxica do continente, centrando a atención na creación feminina”, explicou Hassane Kouyaté, o comisario do proxecto.
O Teatro Principal acolleu a presentación do Festival Nómada de Cultura Africana Harmatán 2023, que se realizará en Ourense do 11 ao 14 de abril co apoio da Deputación de Ourense. O acto de presentación contou con César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación; Olga Mojón, directora do Teatro Principal de Ourense; Hassane Kouyaté, comisario do proxecto Harmatán e que participou de xeito telemático; e Alejandro Santos, o coordinador do proxecto.
César Fernández comezou destacando “o privilexio que é para Ourense poder contar cun festival destas características”, e convidou a reflexionar sobre “a importancia de construír cultura entre todos, man con man, algo para o que é fundamental que as relacións se constrúan desde a igualdade”. Deste xeito, para o vicepresidente provincial, Harmatán “é un festival enriquecedor, que nos permite achegarnos á cultura africana mediante manifestacións artísticas de diverso orixe, ampliando así a nosa perspectiva”.
“Un elemento fundamental para toda cultura é ter capacidade de empatía e para iso hai que coñecer a súa perspectiva, romper coas barreiras mentais que creamos ao redor da nosa cultura e rematar así coa visión etnocéntrica que Occidente ten tido nestes séculos”, explicou o vicepresidente do goberno provincial.
César Fernández quixo agradecer en nome da Deputación “a aposta do Teatro Principal por este festival, cunha oferta multidisciplinar, para todos os públicos e cunha grande calidade na programación”. “As institucións, e neste caso a Deputación, temos que estar ao servizo da cidadanía para ofrecer unha proposta cultural ampla, diversa e de calidade, e nese sentido Harmatán cumple con todos eses parámetros ademais de permitirnos achegarnos a outras culturas”, concluíu o vicepresidente provincial.
Hassane Kouyaté, comisario do proxecto, reflexionou sobre a importancia de “romper esas barreiras mentais das que son vítimas outras comunidades”. Para iso, “Harmatán permite ver unha parte do movemento artístico de África. O noso obxectivo é mostrar a África creativa, en movemento, e romper coa imaxe nostálxica do continente”. Ademais, Hassane Kouyaté explicou que “nesta edición pretendeuse centrar a atención na creación feminina, promovendo que as mulleres sexan escoitadas no mundo”. “As artistas que participan nesta edición, de grande importancia nos seus países, son militantes na emancipación feminina no continente africano, sendo a creación artística o espazo da súa reivindicación”, concluíu.
“Un corredor cultural” baixo o lema “África, ser muller creadora”
Pola súa banda, Olga Mojón definiu Harmatán como “un corredor cultural que amosa unha nova forma de achegarse a un continente multicultural e moderno”. A directora do Teatro Principal salientou que esta edición “terá como punto de referencia á muller baixo o lema: África, ser muller creadora”, atraendo ás personalidades máis destacadas do panorama artístico feminino de África e permitindo comprender a loita das mulleres por facerse un oco na escena artística dos seus países. Finalmente, Olga Mojón quixo agradecer á Deputación “por permitir que isto teña o alcance que está a ter”.
Alejandro Santos foi o encargado de afondar na programación do Festival Harmatán, que dará comezo o martes 11 de abril coa peza teatral “Odio el teatro”, un monólogo sobre a relación amor-odio co teatro da actriz Hermine Yollo. O mércores 12 será a quenda do grupo musical senegalés “Defmaa Maadef”, mezclando música electrónica con ritmos tradicionais. A continuación, o xoves 13 está programada a peza de danza “Idjô”, servindo de estra mundial para esta obra da coreógrafa Orokiya Koné. Finalmente, o venres 14 proxectarase o filme “Una historia de amor y deseo”, da directora Leyla Bouzid; e posteriormente realizarase unha sesión de debate titulada “¿Cuál es el lugar de la creación femenina hoy en día?”, contando coa presenza da recoñecida Odile Sankara e a cantante e actriz española de orixe ecuatoguineana Astrid Jones.