O Festival de Cine de Ourense inaugura a exposición “Manual de dirección"
Trátase dunha exposición con retratos de Xulio Gil na que se poden ver a Oliver Laxe, Ángel de la Cruz, Dani de la Torre, Jorge Coira, Xavier Villaverde, Margarita Ledo, Paula Cons, Alexia Muíños ou Chelo Loureiro, entre outras.
A fin de ir abrindo o velo da 27ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará entre o 23 de setembro e o 1 de outubro, inaugurou esta tarde a exposición “Manual de Dirección. Cineastas de Galicia”, da autoría do fotógrafo ourensán Xulio Gil, que consta de 52 grandes retratos dos principais directores e directoras de cine que desde hai máis de 30 anos protagonizan o mundo da creación cinematográfica en Galicia.
“Este lugar é un punto de encontro e canle de difusión de cultura para o mundo”, declarou Rosendo Fernández dende o Centro Cultural Marcos Valcárcel, parabenizando ao fotógrafo Xulio Gil polo seu traballo. A isto quixo tamén sumarse Anxo Lorenzo, que afirmou que “Xulio é un dos grandes creadores do país, e leva dándonos todos estes ano proxectos dunha calidade enorme”.
Pola súa banda, o fotógrafo, definiu “Manual de Dirección. Cineastas de Galicia” como “unha exposición de calor en toda a súa polisemia”, agradecendo aos cineastas presentes a súa xenerosidade ao situarse diante da cámara. Arredor deste traballo, Xosé Enrique Acuña amosouse “feliz de estar rodeado de tanta creatividade, representada nesta ocasión por 52 persoas que teñen realizado unha longametraxe en Galicia, todos pertencentes a diferentes xeracións.”
Miguel Anxo Fernández, pola súa banda, explicou que “isto forma parte dun proxecto que naceu no 2018 e que vai en consonancia co que o festival quere ser nesta edición: un gran escaparate do audiovisual galego”.
As caras da dirección en Galicia
Entre as cincuenta e dúas persoas retratadas, todos autores e autoras con longametraxes no seu haber, atópanse rostros tan coñecidos como Oliver Laxe, Ángel de la Cruz, Dani de la Torre, Jorge Coira, Juan Pinzás, Xavier Villaverde, Margarita Ledo Andión, Paula Cons, Alexia Muíños ou Chelo Loureiro que, con traxectorias e idades diferentes, acumulan títulos, estreas e premios. Tamén se aporta unha pequena sección titulada “No manual da memoria” que se articula por parte de Gil como unha merecida lembranza a directores xa desaparecidos, caso dos inesquecibles Chano Piñeiro e Eloy Lozano.
Con esta exposición o OUFF e a Fundación Carlos Velo insisten nunha liña de produción propia para o festival que busca expandir o seu universo máis alá da duración do propio evento e dentro do seu contrastado labor difusor da cultura cinematográfica galega.