Artesanía

Feira galega de artesáns do 1 o 3 de Maio en Ribadavia

Destaca a confluencia de mostra artesanal e vitivinícola dando pulo a dous eidos estratéxicos de Ribadavia e da súa comarca, na liña do proxecto Vilas Vivas que busca recuperar o comercio do casco histórico como piloto que logo se estenderá por Galicia.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Feira galega de artesáns do 1 o 3 de Maio en Ribadavia | Xunta de Galicia

A vila de Ribadavia vai acoller do 1 ao 3 de maio a Feira Galega de Artesáns, un encontro enmarcado na colaboración autonómica coa Asociación Galega de Artesáns (AGA) e que coincidirá coa 63ª Feira do Viño do Ribeiro. Acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, pola xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, e polo alcalde ribadaviense, César Fernández, o conselleiro celebrou a confluencia de mostra artesanal e vitivinícola dando pulo a dous eidos estratéxicos tanto de Ribadavia como da súa comarca, na liña do proxecto de dinamización Vilas Vivas que arrancou nesta contorna de xeito piloto.

Así, a feira impulsada por AGA co apoio da Fundación Artesanía de Galicia, terá lugar os días 1, 2 e 3 de maio na Praza Maior, cunha quincena de postos. Será un dos 12 encontros que haberá ata setembro nas catro provincias, protagonizados exclusivamente por profesionais inscritos en Artesanía de Galicia. De feito, xa tiveron lugar en abril eventos en Ferrol e Padrón, este domingo 26 haberá outro en San Sadurniño —coincidindo coa Feira da Plantación— e están confirmados tamén en Oroso, A Estrada, Foz, Ribeira e Ponteareas.

A maiores, no marco do apoio á 63ª Feira do Viño do Ribeiro, a Consellería organizará diversos obradoiros na Praza de San Xoán, cursos na Casa da Artesanía de Galicia e un evento pop up que terá lugar na rúa Banda A Lira, dentro do proxecto Vilas Vivas. Os talleres estarán impartidos polos artesáns María José Martínez e Jose Carrera do obradoiro Peixesapop (Vigo), serán gratuítos e diríxense ao público adulto e infantil.

Feira galega de artesáns do 1 o 3 de Maio en Ribadavia | Xunta de Galicia

Vilas Vivas

José González referiuse ás iniciativas co gallo da Feira do Viño do Ribeiro na súa visita á Casa da Artesanía, posta en marcha no marco do proxecto Vilas Vivas dirixido a recuperar o comercio de cascos históricos singulares, con potencial turístico e cunha produción local senlleira como motor económico a través da rehabilitación de baixos en desuso e da súa posta a disposición das persoas comerciantes e artesás. No caso deste piloto, avánzase na reforma dos locais alugados co fin de abrilos ao público de maneira progresiva e acadar os 15 establecementos distribuídos por tres rúas e prazas do casco histórico.

Aproveitando a visita, o titular de Emprego salientou que a Casa da Artesanía xa estivo operativa entre decembro e xaneiro, con motivo do evento Artesanía, Saber e Sabor e do Nadal. Logo, volveu ser epicentro de actividades polos Días Europeos da Artesanía, consolidándose como espazo permanente para a posta en valor dos oficios tradicionais e a comercialización de produtos artesanais.