A II feira educativa de Ourense unha oportunidade para decidir o futuro
A cita, que se celebrará o mércores e o xoves, achega aos rapaces a oferta de FP e das tres universidades galegas, así como os proxectos de colexios e institutos.
A feira contará cun espazo específico da Formación Profesional co Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros como eixo vertebrador. Ademais, estarán presentes as tres universidades públicas galegas e o Centro Superior de Hostalería de Galicia, entre outras entidades. Este contacto directo coa realidade da oferta educativa facilita unha toma de decisións máis consciente, conectando intereses persoais coas oportunidades educativas existentes.
Ademais, participan tamén centros educativos da provincia como os colexios Plurilingüe Irmáns Villar (Ourense), Virxe de Covadonga (Ourense) e Padre Crespo (Xunqueira de Ambía), o Colexio Rural Agrupado Amencer (Ribadavia), os institutos Celanova Celso Emilio Ferreiro (Celanova), Xesús Ferro Couselo (Ourense), Otero Pedrayo (Ourense) e Universidade Laboral (Ourense), xunto co Centro Residencial Docente e unha mostra de recursos educativos en préstamo do Centro de Formación e Recursos de Ourense.
A través dos seus stands, os centros amosan a realidade viva das aulas, evidenciando a calidade educativa da provincia, o compromiso do profesorado e a riqueza de propostas pedagóxicas que se desenvolven no día a día. Entre elas amosaranse iniciativas que impulsan o desenvolvemento da competencia matemática, propostas inclusivas que garanten unha atención á diversidade real, proxectos de radio escolar, experiencias de mediación que fortalecen a convivencia e propostas STEAM que integran ciencia, tecnoloxía, enxeñaría, arte e matemáticas.
Galicia Educa
A cita ourensá desenvolverase en horario de 10,00 a 14,00 e de 16,00 a 19,00 horas na primeira xornada e durante a mañá na segunda. Forma parte do calendario de feiras Galicia Educa, unha iniciativa da Xunta de Galicia que engloba 16 eventos ao longo do curso en diferentes ámbitos territoriais (autonómico, provincial, comarcal e local) co obxectivo de mellorar a orientación formativa e vocacional do alumnado e dar visibilidade ao traballo dos centros educativos.