Ethel Vázquez salienta que a Xunta pon en valor a zona da Ponte Romana cunha fonte termal
Vázquez Mourelle destaca que a fonte termal ten un deseño integrado na paisaxe, conformando unha peza que dialoga coa contorna e que conecta o pasado, o presente e o futuro da cidade, reforzando a súa imaxe de referente en termalismo.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou o traballo da Xunta de posta en valor da contorna da Ponte Romana e da capela dos Remedios de Ourense, ao que se suma agora a fonte termal e que se verá completado co novo eixe de mobilidade sostible. Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe a posta en servizo da nova fonte termal na contorna da Ponte Romana e da capela dos Remedios. Sinalou que esta intervención se enmarca nos traballos de mellora que a Xunta vén realizando nesta parte emblemática da cidade para reforzar o seu atractivo turístico e que os veciños de Ourense gañen espazos urbanos para o seu desfrute diario.
Subliñou que a Xunta destinou un investimento autonómico de 1,6 M€ a estes traballos de posta en valor, executados en dúas fases. Precisou que foi durante a 2ª fase das obras cando se identificou un foco de auga termal na contorna da Capela dos Remedios, onde se actuou para poñelo agora á disposición de veciños e visitantes, completando as actuacións realizadas. Neste sentido, indicou que se puxo en servizo unha fonte termal ornamental, cun orzamento de 120.000€, integrada na paisaxe e neste espazo público renovado da capela dos Remedios e da propia Ponte Romana.
A fonte consta dun deseño sinxelo e integrado na paisaxe, conformando unha peza que dialoga coa contorna e conectando o pasado, o presente e o futuro da cidade, reforzando a súa imaxe e identidade como referente termal. A infraestrutura é de pedra de granito, con parede semicircular da que mana a auga termal que se precipita sobre a pía semicircular.
Tamén se dotou a fonte dunha iluminación elegante, colocada na base dos bancos que delimitan este espazo.
Ethel Vázquez lembrou que a Xunta segue traballando para revalorizar toda a zona histórica, un potencial que se verá acrecentado cando estea completado o eixe de mobilidade sostible que conectará a cidade de norte a sur a través de 5,1 km de sendas e un investimento superior aos 7 M€.
Para isto, o Goberno galego vén de aprobar o proxecto do treito entre a intermodal e a Ponte Vella, que se corresponde co acondicionamento da avenida das Caldas; e tamén o proxecto dos Remedios e Expourense, ao longo do Barbaña. Avanzou que antes do remate do mes se licitarán xa as obras das principais actuacións deste gran itinerario, co que tamén se conseguirá unha mellor conexión entre a Ponte Romana e a senda do Barbaña, cun paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.
Fixo fincapé na aposta pola mobilidade sostible e lembrou que a Xunta segue construíndo cidade, tras a posta en funcionamento da estación de autobuses intermodal e da modernización dos servizos de autobús, que cómpre agora que se complete coa parte da terminal ferroviaria, responsabilidade do Ministerio de Transportes; ou a mellora da seguridade viaria das rúas de Otero Pedrayo, Marcelo Macías ou a estrada de Seixalbo, recollidas no acordo asinado entre Xunta e Concello a finais de 2018.
Jácome lamenta que a Xunta só presente 'calderilla' para a cidade de Ourense
“Todo o que sexa facer inauguracións é bo”, asegurou esta mañá o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, na visita á nova fonte termal instalada pola Xunta de Galicia na contorna dos Remedios, “pero criticamos que é un investimento nimio, unha calderilla”.
O rexedor, que fixo estas declaracións xunto á conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, Éthel Vázquez, manifestou o seu agrado polo remate dun proxecto encargado por arquitectos da nosa cidade -”tiveron moito gusto”, dixo-, unha obra que se complementa “con actuacións que fixemos desde o Concello, coma a mellora da zona deportiva e verde exterior dos Remedios, que axuda a embelecer a zona”. Porén, tamén lle comunicou a mala noticia: “Chama a atención que a Xunta de Galic ia faga este despregue de medios para un investimento de pouco máis de 100.000 euros”.
Así, comparou os investimentos noutras cidades galegas, caso da Coruña, “onde falan de 1.000 millóns para un novo hospital, ou dos 800 millóns para a estación intermodal de Vigo, mentres aquí inauguran unha fonte de 100.000 euros.” Por iso, rematou o alcalde, “dicimos que Ourense é a cincenta de Galicia e esta actuación así o demostra”.