Ethel Vázquez avanza o reforzo do transporte entre Ourense e os polígonos
Se disporá dunha nova frecuencia de ida desde a estación intermodal de Ourense cara ao polígono de San Cibrao ás 7.30 horas da mañá, de luns a venres
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza o reforzo do transporte público entre Ourense e os polígonos de San Cibrao das Viñas e de Barreiros con novas frecuencias e paradas que entrarán en servizo este mesmo mércores.
Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, mantivo unha xuntanza co alcalde, Pedro Fernández, e con representantes dos polígonos de San Cibrao das Viñas e de Barreiros para abordar a situación do transporte público neste gran polo industrial do sur de Galicia.
Subliñou que se trata dunha serie de medidas que inclúen o aumento de frecuencias, a adecuación de horarios e a introdución de novas paradas para adaptar os servizos de transporte público ás condicións de traballo nestes polígonos. Sinalou que as melloras son froito do diálogo e do traballo conxunto dos técnicos da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e dos colectivos empresariais, que nos últimos meses analizaron a oferta global de servizos, as necesidades detectadas e as marxes de mellora.
Salientou que este reforzo de servizos, que se activará pasado mañá, supón que o Polígono de San Cibrao contará cun total de 9 expedicións de ida e 8 de volta cada día. Desas, 4 de ida e 5 de volta van pasar polo polígono de Barreiros, aumentando unha frecuencia por sentido. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade precisou que se crea unha nova frecuencia de ida desde a estación intermodal de Ourense cara ao polígono de San Cibrao ás 7.30 horas da mañá, de luns a venres.
Detallou, ademais, que se adaptan a maior parte dos horarios dos servizos para adecualos aos horarios de entrada e saída dos traballadores e que se crean novas paradas nesta contorna para atender ás necesidades dos traballadores de centros como Adolfo Domínguez, La Región e Aceites Abril.
Destacou que desde abril, unha vez superado o máis duro da pandemia, o transporte público que dá servizo a estes polígonos comezou a rexistrar unha certa recuperación da demanda, unha tendencia que agarda que se consolide co reforzo das liñas que arrancará o mércores. A Xunta, no marco do Plan de Transporte de Galicia, continúa mellorando as conexións en transporte público cos centros de traballo, como no caso dos polígonos de San Cibrao e de Barreiros, nos que cada día desenvolven a súa actividade máis de 10.000 traballadores.
Neste sentido, Ethel Vázquez puxo en valor a aposta do Goberno galego polo transporte público, ao dedicar cada ano 80M€ para garantir que Galicia teña servizos de calidade e incentivar que esa mobilidade sexa cada vez máis sostible. Fixo fincapé na extensión a toda Galicia da tarxeta Xente Nova, coa que os mozos menores de 21 anos viaxan xa gratis nas 3.100 liñas de autobús da Xunta. No caso da provincia de Ourense, esta tarxeta xa está funcionando desde o mes de xuño do pasado ano, sendo máis de 3.000 os mozos que dispoñen dela na provincia.
Lembrou que o Goberno galego tamén dotou esta zona industrial dunha nova conexión coa A-52, cun orzamento autonómico de 22M€, e aspira a prolongala con fondos Next Generation, xa solicitados ao Executivo central.