Estudo pioneiro sobre a concentración de gas radon nas vivendas de Ourense
A investigación está realizada polo Laboratorio de Radon de Galicia, da Universidade de Santiago de Compostela, de referencia estatal neste eido
Ourense é a provincia española co máis detallado mapa de concentración de gas radon en vivendas, o que permitirá ofrecer a mellor información á veciñanza de calquera punto do territorio para adoptar medidas nos seus fogares, así como servir de guía aos concellos para protexer aos habitantes nunha provincia xa catalogada entre as zonas do Estado que presentan maior concentración deste gas, considerado carcinóxeno.
Esta investigación é pioneira pois, tendo xa caracterizadas as medicións en todos os municipios, agora disponse dun documento máis preciso con datos específicos de cada unha das 267 seccións censais existentes na provincia. Así, o informe inclúe 797 medicións realizadas noutras tantas vivendas, o que supón 2,6 análises por cada 1.000 habitantes. Os resultados obtidos permiten concluír que o 23,2% dos fogares analizados superan os límites que marca a directiva europea fronte ás radiacións ionizantes e o código técnico da edificación.
O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, afirmou que “este traballo permítenos ir un paso por diante para evitar as consecuencias dunha elevada exposición ao radon, xa que desde a Deputación somos conscientes da relevancia de mellorar o coñecemento da sociedade sobre este gas e facilitar a toma de decisións obxectivas por parte dos concellos”. Pérez tamén recoñeceu o traballo e o bo facer do Laboratorio de Radon de Galicia, “de absoluta referencia neste eido”.
Pola súa banda, Alberto Ruano, investigador do Laboratorio de Radon de Galicia e catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, destacou o grado de detalle do estudo por sección censal, “que sitúa a provincia como a mellor caracterizada de España ao contar con preto de 800 medicións, cando en toda España o número de análises reflectidas no mapa do Consello de Seguridade Nacional é de 12.000, o que na práctica significa que en calquera punto da provincia podemos calcular os niveis de concentración”.
Ruano agradeceu o “compromiso e colaboración” da Deputación nesta investigación liderada polo Laboratorio de Radon de Galicia. Autores do Mapa Galego do Radon, este laboratorio público é o único equipo galego acreditado para a medición de radon en aire pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) e o único de España acreditado para a medición de radon continuo.
Galicia é a comunidade española con maiores concentracións de radon nas vivendas, e Ourense a provincia galega cos índices máis elevados tamén en España, consecuencia das características xeolóxicas do terreo. De orixe natural, incoloro e inodoro e procedente da desintegración radioactiva natural do uranio nas rochas, o radon foi declarado carcinóxeno en 1988 pola Axencia Internacional de Investigación do Cancro, dependente da Organización Mundial da Saúde.
Allariz-Maceda, a comarca coa maior porcentaxe de vivendas estudadas que superan os límites
No estudo, a comarca co maior número de medicións é a de Ourense (303) seguida do Carballiño (91). A zona de Allariz-Maceda é a que presenta unha maior porcentaxe de vivendas analizadas que superan os límites establecidos (36,8%) seguida de Terra de Trives (35,3%). Nestas áreas algo máis de unha de cada tres casas analizadas superan os niveis máximos. Mentres, as comarcas con menor número de vivendas avaliadas que pasan dos límites están situadas na Limia (11,1%) e nos concellos de Terra de Celanova (11,5 %)
Por municipios, a concentración de radon é moi variable. Considerando unicamente aqueles concellos con máis de dez medicións, os que teñen maior concentración son San Cibrao das Viñas, Allariz e Pereiro de Aguiar, todos eles con preto de 4 de cada 10 vivendas superando os máximos (300 Bq/m3). A menor presencia de radon nesta categoría está no Barco de Valdeorras, que non chega nin a unha vivenda estudada por cada dez que supere os límites.
Recomendacións aos concellos
O estudo inclúe un apartado de recomendacións, entre as que figura a promoción por parte dos concellos de iniciativas para medir a concentración de gas tanto en fogares como en lugares de traballo. No caso das vivendas, todas aquelas de nova construción deben dispoñer obrigatoriamente de medidas verificables a través de laboratorios acreditados. A nivel municipal, engade o informe, “é necesaria a observancia estrita da normativa vixente para que toda nova vivenda teña concentracións de radon o máis baixas posibles e que as administracións públicas e tamén as entidades de traballo de natureza privada aseguren a protección dos traballadores”.