O espectaculo «Parade, o circo dos valentes» chega a Ourense
Circo, maxia, música e teatro combínanse nunha premiada montaxe chea de vitalidade, humor e tenrura. A función terá lugar no auditorio municipal, ás 19 h.
O O festival Pequeclassics, que ata o 6 de novembro presentará en diversas cidades galegas seis espectáculos musicais dirixidos a nenos e rapaces, achega este sábado a Ourense «Parade, o circo dos valentes», un espectáculo no que se combinan os monicreques, o circo, a maxia e a música, chea de vitalidade, humor e tenrura, inspirada no mundo do circo clásico e con música de Satie, Poulenc e Stravinsky.
O tío Pepe e o pallaso Chochotte son unha parella de comediantes que chegan á praza do pobo e montan a súa pequena carpa de circo pero todos os artistas da compañía desapareceron. A súa única atracción é un elefantito chamado Babar que quere ser artista pero ten medo dos humanos e non quere saír á pista. A parella de artistas terán que improvisar para que a función continúe e convencer ao elefante para que realice o seu gran número e así gañarse unhas moedas para comer.
Así, coñeceremos a historia do elefantito Babar que quedou orfo cando unhas persoas levaron á súa nai e a el tíñano encadeado. Un día o tío Pepe e o pallaso Chochotte rescatárono e agora vive libre con eles no circo dos valentes.
O espectáculo contén valores fundamentais como o respecto e a convivencia cos animais para vivir nun mundo mellor. La Maquiné realiza un espectáculo inspirado no mundo do circo de outrora. Unha obra chea de vitalidade, humor e tenrura que fará gozar a todos os públicos con música dos compositores Erik Satie, Francis Poulenc e Igor Stravinsky.
A plástica, a música en directo, o teatro de obxectos realizados en diferentes escalas, coreografiados con técnicas variadas de manipulación, son algunhas das ferramentas que se utilizan no espectáculo. A pluralidade destas linguaxes da como resultado unha obra de carácter poético, belo, plástico e suxestivo.