O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Laza, José Ramón Barreal, fixo entrega de diverso material de prevención de incendios aos integrantes da Asociación de voluntarios de Protección Civil e Medio Ambiente de Laza, coa finalidade de fomentar a participación cidadá nas tarefas de xestión da biomasa e así anticiparse aos lumes.
Esta cesión enmárcase no establecido pola normativa vixente e no desenvolvemento do Plan preventivo implementado pola Consellería do Medio Rural. En concreto, distribuíuse a este colectivo dúas motoserras coas súas respectivas maletas de transporte, dúas baterías e dúas rozadoiras.
O delegado territorial lembrou que esta acción enmárcase nunha iniciativa “experimental e pioneira”, que o Goberno galego quere ampliar a outros tantos proxectos semellantes en toda a comunidade, cun orzamento total de 150.000 euros.
Desta forma, indicou Gabriel Alén, os veciños poderán actuar en labores preventivos nas faixas secundarias -as máis próximas ás vivendas- mediante o uso do material entregado por parte de Medio Rural. Cabe lembrar que a xestión da biomasa nas franxas secundarias é competencia dos particulares e, de non levarse a cabo, o concello poderá executar ditos traballos de forma subsidiaria.