Entrega de desfribriladores a máis dun cento de concellos
Forman parte da liña de axudas dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, dotada con 1M€.
Santiago Villanueva entregou máis dun cento de desfibriladores externos semiautomáticos destinados a reforzar o material dos servizos de emerxencias municipais. Con esta cesión complétanse as dotacións enmarcadas na convocatoria de axudas de 2022 dirixida a concellos de menos de 50.000 habitantes que conten con Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC). Ao acto tamén acudiu o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo.
Do cento de entidades locais beneficiarias, a meirande parte están na provincia de Ourense, con 40. Trátase de Allariz, Amoeiro, Avión, Barbadás, Beariz, Os Blancos, Calvos de Randín, O Carballiño, Cartelle, Castrelo de Miño, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Larouco, Laza, Maceda, Mancomunidade Terra de Celanova, Maside, Melón, Muíños, Paderne de Allariz, Parada de Sil, O Pereiro de Aguiar, Petín, A Pobra de Trives, Porqueira, Ribadavia, A Rúa, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, Toén, A Veiga, Verín, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo.
Outros 33 desfibriladores foron para concellos da Coruña, con Abegondo, Ames, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cabanas, Cambre, Carballo, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Corcubión, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fene, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Miño, Mugardos, Muxía, Narón, Noia, Oleiros, Padrón, Ponteceso, Ribeira, Santa Comba, Trazo, Val do Dubra, Vilasantar e Zas.
Pola súa banda, Lugo recibe 18 desfibriladores para os municipios de Chantada, Folgoso do Courel, Lourenzá, Meira, Monforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Ourol, Palas de Rei, Pol, A Pontenova, Portomarín, Ribadeo, Ribeira de Piquín, O Saviñao, Taboada, O Valadouro, O Vicedo e Viveiro. Completan a listaxe as 14 localidades pontevedresas Agolada, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Lalín, Meis, Mondariz, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui e Vilagarcía de Arousa.
O equipamento entregado inclúe un desfibrilador externo cun mínimo de dous xogos de parches de electrodos, un xogo de dúas baterías, cable de conexión a porto USB, kit de reanimación cardio-pulmonar e mochila impermeable. O custo dos 105 DESA ascende a máis de 166.600 euros.
O DESA é un aparato electrónico portátil sinxelo de manexar que identifica e trata a parada respiratoria. A súa efectividade radica na identificación automática da fibrilación ventricular ou a unha taquicardia ventricular sen pulso restablecendo un ritmo cardíaco efectivo eléctricamente. É moi eficaz para a maior parte dos chamados paros cardíacos, que na súa maior parte son debidos a que o corazón fibrila e o seu ritmo non é o adecuado, estes equipos basicamente devolven o ritmo adecuado ao corazón.
A Xunta dota así ás AVPC dun recurso para actuar dunha maneira coordinada cos profesionais do 061, conseguindo gañar tempo na atención ante unha parada cardíaca, ao intentar que o paciente aguante á chegada dos servizos profesionais.
Investimento de case 1M€
Segundo sinalou Santiago Villanueva, este material súmase aos 8 vehículos todocamiño, 8 remolques para a atención das emerxencias, 8 coitelas para a retirada de neve, 20 esparexedores de sal, 11 embarcacións pneumáticas e 30 tendas campaña que se foron entregando desde comezos de ano a 122 concellos galegos e á Mancomunidade Terra de Celanova no marco da liña de 2022 para mellorar o equipamento das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil. A través dela, o Goberno galego investiu preto dun 1M€ na adquisición de equipamentos
Deste xeito, a Xunta mantén o compromiso coas 234 agrupacións da comunidade tanto a través desta orde para reforzar o seu equipamento como nas subvencións anuais destinadas a colaborar nos seus gastos de funcionamento e que na convocatoria deste ano conta cun orzamento de 340.000 euros e que supuxo nos últimos anos achegas por riba dos 4M€.
O director xeral de Emerxencias e Interior lembrou que pese a tratarse dunha competencia local -dos concellos de máis de 20.000 habitantes e das deputacións provinciais nos de menor poboación- a Xunta asume máis da metade do custo anual dos Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento.
No que respecta á dotación de material, o investimento do Goberno galego para que os efectivos dos servizos de emerxencias -Protección Civil e GES- conten co equipamento necesario co que poidan realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia ascende a máis de 24M€, dos que 15M€ corresponden aos recursos cedidos ás AVPC.
Santiago Villanueva lembrou que este compromiso se mantén nos orzamentos de 2023, nos que se destina novamente 1M€ á dotación do equipamento necesario. Nesta liña, incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para realizar as súas intervencións con seguridade e eficacia.