O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, destacou o traballo e o compromiso da Policía Nacional coa defensa dos dereitos e liberdades da cidadanía ourensá. “A Policía Nacional converteuse nun corpo imprescindible para o benestar común e nunha das institucións mellor valoradas do Estado”, expresou Emilio González no acto institucional con motivo do Día da Policía, en honor aos Santos Anxos Custodios.
O subdelegado do Goberno tamén puxo de relevo a capacidade de adaptación da Policía Nacional aos novos retos grazas á continua formación e á alta especialización acadada. “O voso labor é imprescindible en asuntos como a loita contra a violencia de xénero, a persecución dos delitos contra a liberdade sexual e dos delitos de odio ou a ciberdelincuencia, sen descoidar a persecución dos delitos máis comúns”.
Tamén subliñou as tarefas de prevención da delincuencia que realizan os axentes da Policía Nacional. Así, Emilio González mencionou as charlas e talleres coa comunidade educativa, a través do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, e as actividades co colectivo de persoas maiores.
Durante a celebración do Día da Policía, o subdelegado do Goberno trasladou o recoñecemento e o agradecemento polo traballo e esforzo realizado por este Corpo con motivo da pandemia e da crise sanitaria. “O voso compromiso e profesionalidade superaron con creces o mero cumprimento do deber, dando todo para protexer á cidadanía e aos colectivos máis vulnerables, sen desatender as vosas funcións e a pesar do risco asumido”, indicou.
No seu discurso, Emilio González tamén fixo referencia á oferta de emprego público anunciada polo Goberno de España, que vai permitir reforzar o persoal de Policía Nacional, e ao Plan Estratéxico, que vai marcar unha nova etapa para o Corpo, impulsando a transformación dixital, a loita contra a ciberdelincuencia, a cooperación internacional, a igualdade e a formación dos axentes.
O subdelegado do Goberno concluíu a súa intervención animando aos axentes a continuar traballando centrados na mellora continua do servizo público que prestan. “Sigamos conseguindo que a cidadanía vexa á Policía Nacional como un compañeiro de viaxe”, subliñou.
No acto de hoxe fíxose entrega de 24 condecoracións. Cinco delas foron para persoas e institucións alleas ao Corpo Nacional de Policía. En concreto, o tenente coronel xefe da Comandancia da Garda Civil en Ourense, Rafael López; o xerente da Área Sanitaria Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial; o responsable de Formación de Cruz Roja Española en Ourense, José Antonio Fontelo; a Asociación Cultural Amigos Camiño Mozárabe, cuxa distinción recolleu o seu presidente, José Luis Rodríguez; e a Asociación de Veciños O Couto, distinción recollida polo seu presidente, José Delgado.