Elena Rivo destaca en Ourense a aposta por unha galicia dinámica e inclusica
Entre as novidades para 2024 incidiu no novo plan que incentivará as contratacións de mulleres en sectores masculinizados e avanzou un novo programa de formación para o arraigamento das persoas traballadoras.
Elena Rivo, acompañada do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, presentou na Confederación Empresarial de Ourense (CEO) as liñas estratéxicas do seu departamento para o ano 2024, no que a Consellería verá incrementado o seu orzamento nun 2,4% ata acadar os 501,6 millóns de euros.
Promoción do Emprego e Igualdade presentará no Parlamento de Galicia uns orzamentos expansivos para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero con 53,9 millóns de euros presupostados (+13,65%) e para o impulso ao emprego e traballo autónomo, unha área que contará en 2024 con 107,7 millóns (+21%), debullou Rivo.
O Goberno autonómico destinará máis de 2,2 millóns de euros a un novo plan para fomentar a presenza feminino en profesións masculinizadas. Trátase de formar e contratar unhas 300 mulleres para que se incorporen a sectores laborais destas características. Tal e como indicou a conselleira, “desde a Xunta de Galicia tratamos de fomentar a presenza feminina nas profesións masculinizadas en aqueles sectores nos que realmente se demanda traballo, onde a presenza masculina é máis forte”.
Continuarase a apostar pola conciliación e a corresponsabilidade na vida familiar, persoal e laboral. Destinaranse máis de 2,3 millóns para apoio a medidas de conciliación, fomento da Responsabilidade Social Empresarial (RSE) e para a loita contra a brecha salarial.
Tal e como relatou a conselleira, tamén se favorecerá a extensión da rede de Centros de Información á Muller (CIM), onde se reforzará a atención a mulleres especialmente vulnerables e ás persoas LGTBIQ+.
As actuacións dirixidas á prevención e loita contra a violencia de xénero contarán cun 14,46% máis de orzamento no compromiso do Goberno galego de combater esta lacra. “Imos focalizar máis na educación e na prevención, sen olvidar, por suposto a atención ás vítimas”, indicou a conselleira.
Emprego autónomo e formación
Unha das partidas que experimentará un maior incremento en 2024 (+141%) é a de promoción do emprego autónomo: acadará case os 29 millóns de euros. Neste eido, seguirase a favorecer a empregabilidade de colectivos con especiais dificultades como as persoas mozas, con discapacidade, mulleres ou vítimas da violencia de xénero.
A economía social, relatou Rivo, experimentará unha suba do 3% e se destinarán 43,6 millóns de euros a impulsar este modelo que promove emprego igualitario e sustentable. A conselleira apuntou á nova Estratexia da Economía Social e á nova Lei de cooperativas como dous dos retos neste ámbito que axilizarán a creación de entidades.
A área de Formación para o Emprego e Orientación contará con máis de 232 millóns de euros. A Xunta seguirá a desenvolver o Programa Retorna Cualifica Emprego que se complementará cun proxecto piloto de arraigamento para a formación. Neste sentido, Rivo indicou que “a través de oenegués detectamos xente que xa estaba en Galicia con necesidades de traballar, que levaba máis de dous anos, e con formación imos incorporala ao mercado laboral galego con programas de arraigamento”.
En 2024 iniciarase o desenvolvemento en Galicia do sistema de microcredenciais, que promove pequenas formacións de entre 30 e 100 horas flexibles demandadas polo mercado. Continuarase coa modernización da rede de oficinas e coa implantación do sistema EMi de intelixencia artificial que mellorará a casación entre as ofertas e as demandas de emprego.
Destinaranse máis de 97,8 millóns de euros para formación de persoas desempregadas e ocupadas e máis de 73 para seguir a celebrar obradoiros, programas integrados de emprego e accións de orientación laboral.
O emprendemento será unha das grandes apostas, con 28,5 millóns de euros, un 56,2% máis que en 2023. Entre as actuacións anunciadas por Elena Rivo, incluirase unha nova liña de axudas para fomentar a remuda xeracional nas iniciativas emprendedoras e se consolidará a Rede de polos coa que a Xunta está a acompañar no inicio da súa actividade empresarial a centos de galegos. A conselleira destacou que o seu departamento aprobará no exercicio que vén unha Nova Estratexia de Emprendemento Horizonte 2027.
Orzamento territorializado
A provincia de Ourense acaparará o 20% do total da Consellería. Arredor de 100 millóns de euros destinaranse de forma directa ou indirecta a este territorio. Neste sentido, reforzarase a Rede de polos de emprendemento na provincia de Ourense, coa apertura de dous novos: un no Barco de Valdeorras e outro en Baños de Molgas.
No procedemento de modernización e renovación das oficinas do servizo de emprego, abriranse novas dependencias no Carballiño, compartidas co Polo de Emprendemento, cun investimento de máis de 1,4M€. Na provincia de Ourense destínanse, por outra banda, máis de 25 millóns de euros a accións de formación e obradoiros duais destinados a persoas desempregadas, indicou a titular de Promoción do Emprego na Xunta de Galicia.