Entroido Ourense

Eladio Santos pide “prudencia e responsabilidade” para vivir un Entroido divertido e seguro

O subdelegado do Goberno coordina o dispositivo especial de seguridade para controlar as celebracións que terán lugar do 12 ao 18 de febreiro.

Onda Cero Ourense

Ourense |

Eladio Santos pide “prudencia e responsabilidade” para vivir un Entroido divertido e seguro | Ourense.com

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, pediu “prudencia e responsabilidade” á cidadanía “para desfrutar dun Entroido divertido e seguro” na cidade de Ourense. O operativo deseñado para garantir a seguridade no Entroido de Ourense, no que se espera unha importante afluencia, está formado por Policía Nacional, Policía Local, Protección Civil, bombeiros de Ourense, Emerxencias do 112 Galicia, seguridade privada e servizos sanitarios. En concreto, instalarase un Posto de Mando Avanzado no Concello desde o sábado ao luns e un hospital de campaña na contorna da Catedral, pola zona superior. Ademais, os profesionais da seguridade privada encargaranse dos controis de acceso á Praza Maior e á Rúa do Progreso os días de actuacións musicais.

“Haberá presencia policial reforzada e atención permanente ante calquera incidencia. Todo está pensado para que poidamos desfrutar da nosa festa con tranquilidade e que este sexa outro Entroido memorable en Ourense”, subliñou o subdelegado. Así, a Policía Nacional matizou que se reforzará o seu número de efectivos con unidades externas durante as noites para exercer especial vixilancia nos puntos de maior afluencia, previsiblemente, a zona comprendida entre a Praza Maior, Rúa do Progreso, Santa Eufemia e Praza do Correxidor.

Así mesmo, o Concello instalará un Punto Violeta durante as festas nos soportais da Praza Maior. A xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias, agradeceu a iniciativa, porque “o Punto Violeta é unha ferramenta moi útil contra as agresións porque presta auxilio ás vítimas, ofrece información e ten un importante efecto disuasorio”.

Como é habitual, a Xunta Local de Seguridade abordou tamén o estado da seguridade cidadá en Ourense. A Policía Nacional indicou que se rexistrou nos últimos meses unha diminución dos delitos coñecidos contra as persoas e o patrimonio, á vez que aumentou o esclarecemento. Actualmente, a maior problemática está relacionada coas estafas e delitos asociados ás novas tecnoloxías.