O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, enxalzou o traballo feito polas empresas ourensás nas últimas décadas para “adaptarse aos cambios e sobrevivir nun mercado global altamente competitivo”. Fíxoo na presentación da mesa redonda Raíces e futuro: medio século de economía sostible en Ourense, o último acto do ciclo de debate organizado pola Subdelegación do Goberno en Ourense e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade.
A directora da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade de Vigo, Elena Rivo; o director xeral de Grupo Revi, Julio Iglesias, e a xerente de Adegas Godeval, Araceli Fernández, foron esta tarde os relatores da mesa redonda moderada polo o vicerreitor da UVigo no Campus de Ourense, Javier Rodríguez Rajo. Abordaron a evolución do mundo empresarial e dos sectores económicos representativos da provincia de Ourense nas últimas décadas.
Na súa intervención, o subdelegado destacou o compromiso do Goberno de España coas empresas, como o amosan os 3.067 millóns de euros repartidos a pymes e autónomos no 92% dos municipios españois co programa Kit Digital ou os fondos dos PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica), que están a transformar a economía con grandes proxectos. “En momentos difíciles hai que estar ao carón dos que crean riqueza e o Goberno o leva facendo desde a pandemia, con medidas reais e protectoras”, apuntou.
Santos agradeceu a todas as persoas que participaron neste ciclo de charlas e debates do programa “50 anos de España en Liberdade”, que comezou o 15 de novembro e abordou temas como a Transición, a democracia, o xornalismo, o feminismo, o papel da lingua galega e a evolución empresarial.