O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, destacou o compromiso do Goberno coa protección dos montes ourensáns, como o amosan as obras de restauración hidrolóxico-forestal que executa o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) cun investimento de 9 millóns de euros na provincia. O subdelegado supervisou a actuación que se leva a cabo en Cualedro, nunha zona afectada polo lume orixinado en Oímbra en 2025.
O Goberno de Pedro Sánchez respondeu
Eladio Santos explica que estes traballos se encadran no marco da colaboración institucional coa Comunidade Autónoma, que foi a que localizou os puntos nos que considera necesario intervir, como Administración competente na materia. “O Goberno de Pedro Sánchez respondeu de inmediato financiando os traballos solicitados con 9,5 millóns de euros en Galicia e a contratación de emerxencia realizada polo MITECO”, indicou.
Ao respecto, Eladio Santos lembrou que con este pacto a Xunta se comprometeu a investir, polo menos, a mesma cantidade que o Goberno nunha fase máis avanzada desta restauración forestal. “Agardamos coñecer pronto ese plan de investimento e que veña acompañado doutras medidas importantes para previr lumes, como plans de prevención e vixilancia; reforestación sustentable; dispositivos de prevención durante todo o ano e máis traballos preventivos”, confiou.
Neste sentido, o subdelegado animou a tódalas Administracións a seguir traballando polo ben do medio rural galego. “Non podemos esquecer o sucedido e temos que evitar que volva a suceder, lembrando que os lumes se apagan en inverno”, remarcou.