Eladio Santos advirte en Ourense ás persoas maiores sobre o aumento de fraudes
A Policía Nacional impartiu unha xornada informativa sobre seguridade para persoas maiores, en colaboración coa Subdelegación do Goberno en Ourense e coa Asociación Mulleres +60.
O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, advertiu sobre o aumento de fraudes vinculados a medios telemáticos que teñen como obxectivo estafar a persoas maiores. Por iso, destacou a importancia da sensibilización durante a presentación dunha charla informativa que ofreceu a Policía Nacional, en colaboración coa Subdelegación do Goberno e a Asociación Mulleres +60, no Liceo de Ourense.
Esta iniciativa forma parte do Plan Maior do Ministerio do Interior, un programa dirixido á prevención e mellora da seguridade de persoas maiores. En concreto, a charla abordou consellos para aplicar tanto no domicilio, na vía pública, en entidades bancarias, en compras, en viaxes e en internet. Participaron tamén a presidenta da Asociación Mirada Mulleres +60, María Antonia Rinlo, e o inspector xefe de Participación Cidadá da Policía Nacional de Ourense, Felipe Rodríguez.
Na introdución, Eladio Santos indicou que as estafas informáticas aumentaron un 12,5 % na cidade de Ourense o ano pasado, en comparación do 2024. “Os ladróns e os estafadores buscan aproveitarse das persoas vulnerables, pero o Goberno de España traballa para poñerlle freo a estes delitos con información e prevención”, subliñou.
Neste sentido, o subdelegado explicou que as iniciativas de concienciación son fundamentais para proporcionar ferramentas sinxelas coas que identificar riscos na vida cotiá, polo que agradeceu á Policía Nacional o seu labor divulgativo. “Os axentes fan un importante traballo para protexer e informar á xente maior, esencial para frear a inseguridade”, apuntou.
Principais recomendacións
O Ministerio do Interior advirte ás persoas maiores que cando acoden a un banco hai que ter en conta as seguintes recomendacións:
- Non levar as claves anotadas cando se usa un caixeiro automático.
- Vixiar a contorna.
- Evitar sacar moito diñeiro dunha soa vez.
- Tapar a man coa que se teclea a clave para evitar ser gravado.
- Sempre que sexa posible é preferible domiciliar os pagos a través do banco.
- Procurar ir acompañado por persoas de confianza para firmar documentos ou realizar cobros ou pagos importantes.
En viaxes:
- Non esquecer a documentación persoal.
- Manter sempre vixiada o equipaxe.
- Levar só o preciso.
- Non confiar as maletas a descoñecidos ou persoas que non estean acreditadas.
No domicilio:
- Non abrir a porta a descoñecidos.
- Desconfiar de quen chame ofrecendo a venta de calquera cousa ou que diga que representa a un organismo público ou asociación humanitaria.
- Identificar aos empregados que deban efectuar reparacións, revisións ou cobros.
Na vía pública:
- Camiñar pola parte interior da beirarrúa colocando o bolso do lado da parede.
- Evitar facer ostentación de xoias e obxectos de valor.
- Non aceptar propostas que ofrezan pola rúa moi vantaxosas.
En internet:
- Non confiar de supostos mensaxes do banco nos que solicitan claves secretas ou os números das tarxetas bancarias.
- Non realizar compras en páxinas que non garantan a seguridade dos datos.
- Ser precavido cos datos persoais ao acceder a redes sociais.
- Desconfiar de grandes ofertas en internet.