A Diputación presenta a aplicación móbil “VOUcontigo”
Luz Doporto, presentou a aplicación móbil “VOUcontigo”, para axudar ás mulleres en situación de risco, así como un espazo expositivo virtual sobre “Mulleres referentes do século XXI”
A deputada de Igualdade da Deputación de Ourense, Luz Doporto, presentou esta mañá as actividades organizadas pola institución provincial con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, iniciativas que inclúen a aplicación móbil “VOUcontigo”, para ofrecer máis seguridade e confianza; o espazo expositivo virtual “Mulleres referentes do século XXI”; e un videodebate que a partir das 17.00 horas de hoxe abordará o papel da muller durante a pandemia da COVID-19.
“O uso das novas tecnoloxías, que durante o último ano ensinounos un novo modo de vida e comunicación, será o eixo de todas estas actividades, coas que queremos contribuír a promover a igualdade, a liberdade e a confianza das mulleres, e os políticos temos a obriga de facer todo o que estea nas nosas mans para que así sexa”, afirmou Luz Doporto antes de detallar cada unha das iniciativas organizadas con motivo desta celebración.
A deputada de Igualdade lembrou que a aplicación móbil “VOUcontigo” forma parte do conxunto de propostas formuladas polo presidente provincial, Manuel Baltar, durante o debate sobre o estado da provincia do pasado ano, definindo este traballo como “unha ferramenta que ofrece confianza e salva vidas”. Diante da necesidade de axudar á cidadanía en xeral e ás mulleres en particular nunha situación de risco, neste caso por maltrato ou agresión sexual, esta App, en fase de desenvolvemento, ofrecerá información e utilidades necesarias para saber actuar no caso de ser vítima ou testemuña e solicitar axuda.
Así, esta aplicación móbil contará con cinco seccións: un decálogo contra a violencia sexual e machista; as medidas de seguridade que se poden adoptar; onde acudir para solicitar axuda ou información (corpos e forzas de seguridade, centros de saúde) e senllos botóns de chamada directa, tanto ao centro de emerxencias do 112 como ao teléfono de atención á muller do 016; e como novidade un sistema de acompañamento.
Estas dúas últimas utilidades, explicou o director da Área de Transparencia, Fernando Suárez, “constitúen o feito diferencial desta aplicación, onde en todo momento no seu deseño primou a facilidade de uso”. Neste obxectivo, o “botón do pánico” que inclúe a App ten dous modos de acceso áxiles e rápidos para que o grupo de contactos predefinidos pola usuaria reciba unha notificación inmediata informando dun problema e o lugar onde se está a producir.
Polo que respecta ao sistema de acompañamento, os usuarios tamén poderán contar coa colaboración dun grupo de contactos de confianza para facer un determinado desprazamento, de tal xeito que as persoas seleccionadas poderán facer un seguimento da ruta que a persoa comparte. Unha vez no destino, os grupos de confianza recibirán unha notificación sobre a correcta chegada da persoa.
Espazo virtual
A área de Igualdade da Deputación tamén quixo visualizar esta xornada coa presentación do espazo virtual “Mulleres referentes do Século XXI”, un innovador proxecto que incide na loita pola igualdade, a participación e mailo empoderamento da muller en todos os ámbitos da sociedade.
Deseñado en tres dimensións, neste espazo virtual pódese ver a realidade das traballadoras actuais, desta volta con particular atención ao mundo das tecnoloxías da información e da comunicación, “un mundo aínda moi masculinizado, en particular nos centros de ensino onde só o 15 % dos estudantes son mulleres”, apuntou Fernando Suárez.
Aberto a novas incorporacións nos máis diversos ámbitos, o espazo virtual inicia a súa andaina coa colaboración de catro profesionais do mundo das novas tecnoloxías que achegan as súas testemuñas e puntos de vista sobre o significado deste día, así como as experiencias no entorno laboral de cada unha delas.
Videodebate
A terceira das actividades organizadas hoxe consiste nun videodebate no que se abordará o papel da muller durante a pandemia da COVID-19. Neste encontro participarán a Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño; a coordinadora do programa de atención psicolóxica do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia para mulleres vítimas de violencia de xénero, Luz Losada Somoza; e Josefina Martínez Novoa, presidenta da Asociación ValoReSCinnovation.
A videoconferencia, que se retransmitirá vía streaming a través da web da Deputación de Ourense a partir das 17.00 horas, gravarase para incorporala a un entorno virtual ao que se engadirán paulatinamente outros contidos relacionados coa igualdade de xénero, de modo que permanezan accesibles en todo momento para todos os interesados.