Diego Calvo destaca Xantar como o mellor escaparate gastronómico
Puxo en valor a gastronomía galega pola súa calidade e sustentabilidade e incidiu na aposta da Xunta por manter a posición da comunidade como destino de primeiro nivel deste tipo de turismo.
O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, asistiu hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, á inauguración da 23ª edición do Salón internacional de turismo gastronómico Xantar que se celebra en Expourense ata o domingo.
Trátase da única feira internacional de turismo gastronómico incluída no calendario oficial estatal polo que supón- asegurou o vicepresidente segundo- “o mellor escaparate para promocionar Galicia a nivel internacional e animar aos visitantes a coñecer a comunidade e desfrutar da súa gastronomía”. De feito, a gastronomía é o segundo motivo, despois da natureza, polo que os turistas escollen para visitar Galicia. Ademais, esta é a primeira edición de Xantar con tren de alta velocidade a Ourense, sendo “un reclamo turístico” en si mesmo para captar visitantes doutras comunidades. Ao igual que o ano pasado, esta edición centrarase na gastronomía dos Camiños de Santiago de España e Portugal nestes meses de recta final do Xacobeo 21-22.
O pavillón de Expourense acollerá en máis de 12.000 metros cadrados a 165 expositores con 5 países representados (España, Portugal, Estados Unidos, Perú e Costa Rica). Contará ademais con 8 restaurantes, 3 aulas gastronómicas, 1 aula de catas comentadas e 1 espazo de degustación, así como talleres e actividades coas que promocionar os produtos do agro e do mar galegos a través das consellerías do Medio Rural e do Mar. Nesta liña, Diego Calvo puxo en valor a calidade e sustentabilidade da gastronomía galega grazas as boas materias primas como ao bo facer dos profesionais da cociña.
Haberá tamén un espazo reservado á promoción das máis de 300 festas gastronómicas de Galicia, das que 62 están consideradas de interese turístico.
A aposta da Xunta por Xantar materialízase coa achega anual de 30.000 euros cos que colaborar na organización da feira, de tal xeito que se levan destinados nos últimos anos máis de 263.000 euros á súa celebración. O Goberno galego tamén leva investidos 4,5M€ nos últimos anos na pista de atletismo hidráulica inaugurada en 2017 e que permite compatibilizar no recinto de Expourense competicións nacionais e internacionais de atletismo con eventos de carácter feiral como Xantar, Sportur ou Termatalia.
O vicepresidente segundo da Xunta incidiu durante a súa intervención na inauguración do evento na importancia dos fondos europeos para consolidar Galicia como un destino enogastronómico de primeiro nivel. Por iso, o 2º Plan Territorial de Sustentabilidade Turística en Destino está dedicado á gastronomía e suporá un investimento duns 32M€ entre 2023 e 2025 con cargo aos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.