Detención de tres presuntos autores de ata 10 incendios en Ourense e Lugo
A Garda Civil de Ourense prendeu tres homes aos que se lles vén de decretar o seu ingreso en prisión pola súa presunta relación con ata 10 focos rexistrados na comarca ourensá de Trives e na lucense de Ribas de Sil.
A Garda Civil detén os tres presuntos autores de ata 10 incendios rexistrados en Ourense e Lugo, aos que se lle vén de decretar o ingreso en prisión por parte do xulgado de Trives. Así, os arrestos -que correron a cargo da Garda Civil de Ourense- foron posibles grazas á estreita colaboración tanto da UIFO como do Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Comandancia da Garda Civil en Lugo.
Ante o incremento de incendios na comarca de Trives, a Garda Civil, a Unidade de Investigación de Incendios Forestais e axentes ambientais iniciaron varias liñas de investigación que concluíron co esclarecemento de 10 lumes -ocorridos entre o 18 de agosto de 2021 e o 31 de agosto de 2022- en Manzaneda, San Xoán de Barrio, Chandrexa de Queixa, A Somoza (Ourense), Quiroga e Ribas de Sil. Cabe destacar que nun deles -rexistrado neste último concello- resultaron afectadas 1.500 hectáreas e decretouse a situación 2 pola proximidade a núcleos de poboación.
Cabe reseñar que estamos a falar dun operativo iniciado xa no 2020 no ámbito dos distritos forestais VIII Terra de Lemos e XIII Valdeorras-Trives. Así, os labores iniciáronse en setembro dese ano mediante un operativo de vixilancia conxunto entre o Seprona e axentes ambientais do distrito de Valdeorras-Trives. A partir deste dispositivo identificouse un presunto incendiario, veciño da comarca, duns 26 anos de idade.
Posteriormente, en outono dese mesmo ano, nunha operación do Seprona de Ourense, prodúcese unha detención e recádase información, parte dela relacionada con esta persoa. Porén, nese intre os datos non abondan para poñer a disposición xudicial a este presunto incendiario, malia que se lle fai un seguimento e compróbase que segue actuando.
Así, en varios lumes rexistrados en agosto de 2021 no municipio de Chandrexa de Queixa, compróbase un mesmo modus operandi . En datas seguintes, rexístranse máis lumes na zona que os axentes determinan que probablemente estean provocados por este mesmo autor. Así, a UIFO e a Garda Civil comproban que en cando menos nove lumes pode determinarse a participación deste presunto autor. En resumo, falamos dun total de 10 incendios producidos nos anos 2021 e 2022 que se inclúen no atestado xudicial instruído polos axentes do Seprona e que derivaron nestas detencións.
Cabe lembrar que a creación da UIFO no ano 2021, con 15 axentes ambientais dedicados exclusivamente á investigación dos lumes, permitiu concentrar de xeito significativo os esforzos en operativos deste calado.