Cultura

A Deputación reivindica a tradición do circo en Ourense

O Teatro Principal acolle o 27 de outubro a estrea dun espectáculo para todos os públicos no que se mesturan o circo, a manipulación de obxectos, clown, pallaso xestual, música, vodevil e farsa.

Óscar Gómez

Ourense | 13.10.2022 09:12

A Deputación reivindica a tradición do circo en Ourense | onda cero

O Teatro Principal de Ourense acollerá o próximo 27 de outubro a estrea de Kochambre, unha nova produción do prestixioso pallaso ourensán Churry Silva, artista internacionalmente recoñecido que regresa á súa cidade para celebrar o 40 aniversario da súa traxectoria profesional no circo, o teatro, a dirección escénica e a produción. O espectáculo circense, que conta co apoio da Deputación, foi presentado esta mañá no Pazo Provincial polo presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e o propio Churry Silva, acompañados polo asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar.

Manuel Baltar destacou na presentación que “a historia de Ourense é tamén a historia do circo, unha das grandes artes que despois continuaría o Padre Silva en Benposta con Los Muchachos”. Agora, a Deputación reivindica esa historia e tradición circense apoiando o espectáculo “dun home excepcional, un creador comprometido desde neno coa profesión, que ten percorrido medio mundo e con éxitos e premios internacionais”.

Para o presidente do goberno provincial, “Churry Silva é profeta na súa terra e vai dar o mellor de si para todos os públicos”. Manuel Baltar afirmou neste sentido “ser toda unha honra estar ao carón dunha persoa á que esta terra tenlle moito que devolver, por esa identificación con Ourense da que presumiu sempre en todas partes do mundo”.

Agradecido polo apoio da Deputación, o pallaso ourensán definiu o espectáculo Kochambre como “a historia da miña vida, unha recompilación dos anos que botas como profesional, pero tamén xogando cos recordos de familia”. Churry Silva explicou que nesta estrea vai recuperar números moi antigos, “cun montón de trastes que teñen máis de trinta anos, utilizados noutras producións, pero que aínda teñen moito que contar”. O pallaso, “figura que sempre reivindicarei”, expresou a súa ledicia por regresar a Ourense con 60 anos recén cumpridos, cualificando a estrea no Teatro Principal como “un momento moi especial”.

Producido por Ale Hop & Eklecticum Producciones, Kochambre presenta ao público un espectáculo para todos os públicos dunha hora de duración, no que se mesturan disciplinas como o circo, a manipulación de obxectos, clown, pallaso xestual, música, vodevil e farsa.

Un referente no mundo dos pallasos e do circo

Churry Silva (Ourense, 1961) naceu nunha das máis destacadas dinastías circenses de España: Feijoo-Silva. Sobriño do Padre Silva, aos 12 anos iniciou os seus estudos na Escola Internacional de Artes Acrobáticas e Circenses de Benposta. Aos 16 anos entrou a formar parte da compañía oficial do circo de Los Muchachos, compaxinando o seu traballo artístico cos seus estudos en Benposta.

A súa ampla formación como artista inclúe o seu paso polo Institut del Teatre de Barcelona ou a escola de Marcel Marceau, mesmo compartindo pista con Charlie Rivel. A principios dos anos 80 instálase en Madrid e crea a compañía Ale Hop. Alí convértense en referente no mundo do circo e do teatro, así como tamén en Europa ao formar parte dun grupo de destacadas compañías españolas que promoven as novas artes de circo.

Director e creador de numerosos espectáculos de teatro imaxinario e circo, foi distinguido co premio do xurado no Festival Internacional de Dirección de Circo de San Petersburgo e co galardón do público, xunto á súa compañía, no Festival Mundial dos Pallasos de Ekaterinburgo, ambos os casos en Rusia. Ademais de colaborar con prestixiosos directores de circo e teatro ten representado as súas producións en xiras por toda España, ademais de diversos países europeos, Oriente Medio, Asia e América.