Cooperación

A Deputación reforzará o seu apoio ao Banco de Alimentos de Ourense

Así o confirmou o presidente do goberno provincial trala reunión mantida no Pazo Provincial, coa directiva desta entidade que vén facendo desde hai máis de 25 anos un “labor imprescindible”, destacou Luis Menor.

Óscar Gómez

Ourense | 16.11.2023 08:01

A Deputación reforzará o seu apoio ao Banco de Alimentos de Ourense | onda cero

A Deputación de Ourense reforzará o seu apoio ao Banco de Alimentos de Ourense “para axudar ás persoas nestes difíciles momentos que tanto o precisan”. Así o anunciaba o presidente provincial, Luis Menor, trala reunión mantida hoxe no Pazo Provincial co presidente e co vicepresidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices e Juan Carlos Provecho, respectivamente.

Na xuntanza, Luis Menor destacou que a Deputación de Ourense mantén “unha excelente colaboración” co Banco de Alimentos de Ourense, que vén facendo desde hai máis de 25 anos un “labor imprescindible para axudar a moitas familias ourensás”. O presidente da Deputación aproveitou para agradecer o “loable traballo que realiza o voluntariado na nosa provincia que merece o máximo recoñecemento social e público”.

Pola súa parte, Cecilio Santalices agradeceu ao presidente da Deputación, de que asegurou que é “un gran coñecedor desde hai anos do traballo desta entidade”, a súa man tendida para poder manter a actividade do Banco de Alimentos de Ourense, sinalando que a colaboración do goberno provincial contribúe, precisamente, a que sexa “un Banco de Alimentos recoñecido a nivel nacional, así como nos trasladan os nosos compañeiros da Federación Española”.

O presidente do Banco de Alimentos de Ourense dixo que agora mesmo están a prepararse para realizar a gran recollida no último fin de semana deste mes para que no Nadal para “axudar ás familias ourensás nesas datas tan sinaladas”. Animou a que todo o mundo que poida colabore como voluntario do Banco neste mes de gran actividade.