Tecnoloxía

A Deputación participa nun plan de identificación transfronteirizo

A iniciativa, que se enmarca no programa “Conectar Europa”, suporá “un paso máis nesa vocación que temos pola tecnoloxía e a innovación, estendendo agora este proceso aos residentes nos países da nosa contorna”, destacou o presidente provincial Manuel Baltar

Óscar Gómez

Ourense | 04.01.2022 12:52

A Deputación participa nun plan de identificación transfronteirizo | onda cero

A Deputación de Ourense, a través da Área de Transparencia e Goberno Aberto, participa nun programa de identificación electrónica transfronteiriza, o proxecto “eID4Spain20”, que ten como obxectivo facilitar a toda a cidadanía e ás empresas da Unión Europea o acceso aos servizos públicos dixitais que ofrece a institución provincial. “Un novo exemplo do noso absoluto compromiso co desenvolvemento e aplicación das novas tecnoloxías para axilizar as relacións coas administracións, incrementar a calidade de vida das persoas e abordar un reto fundamental como é a redución da fenda dixital”, afirmou o presidente provincial Manuel Baltar.

O programa vai supoñer, engadiu, “un paso máis nesa vocación que temos pola tecnoloxía e a innovación, que sustentan a nosa política de accesibilidade electrónica a todas as xestións que necesitan os cidadáns, estendendo agora este proceso aos residentes nos países da nosa contorna”. Este proxecto, lembrou, súmase ás últimas iniciativas postas en marcha polo goberno provincial, “como o plan de innovación “5G-allaecia” para impulsar a implantación desta tecnoloxía na provincia e no norte de Portugal, ou o compromiso adquirido como presidente no debate do estado da provincia para implantar un sistema de atención cidadá mediante vídeochamada, con capacidade para realizar consultas e trámites de forma telemática, avanzando na administración dixital con oficinas de información máis innovadoras e eficaces”.

Dado que o primeiro requisito para acceder a unha sede electrónica é a identificación do usuario, a Deputación está a traballar na progresiva actualización de todos os trámites que se poden realizar telemáticamente, de tal xeito que tanto os cidadáns como as empresas da Unión Europea podan utilizar a súa identificación electrónica nacional.

O proxecto, coordinado pola Universidade de Valencia e no que tamén participan o concello valenciano de Torrente e o madrileño de Alcobendas, procura garantir a mobilidade transfronteiriza mediante o apoio e reforzo do mercado único dixital, facilitando a participación das persoas, empresas e colectivos noutros territorios da contorna, ademais de axustarse ás políticas, estratexias e actividades a nivel europeo nacional en materia de identificación electrónica.

A iniciativa, cun orzamento de máis de 100.000 euros cofinanciados ao 75 % polo programa “Conectar Europa”, ten unha duración de 18 meses e suporá para os participantes e os seus beneficiarios un paso máis na política de accesibilidade electrónica a todas as xestións que necesiten os cidadáns europeos.